Opinión

Sobre exónimos desaparecidos

A onomástica, a parte da lingüística que trata dos nomes propios, é ben curiosa. O normal é que se unha persoa se chama Xosé, se chame así do bautismo ao enterro. Pero haberá os que lle chamen Pepe ou Sr. Vázquez, se é o caso, e segue sendo o mesmo home. E se vai vivir a Inglaterra, seguro que sería Joseph ou Mr. Vasques para non mancaren a gorxa co iota ou encerrovellaren a lingua cos cetas. 

Nas linguas extensas -castelán, p.ex.- as solucións de adaptación de nomes persoais varía mesmo dunha zona a outra. Moi estraño me resultaba oír falar na Arxentina de Guillermo Shakespeare e, pola contra, do rei, William El Conquistador, cando aquí, xustamente dicimos ao revés. Pero estas cousas son mutables. Se nos dese agora a nós por dicir Guillermo Shakespeare, pois xa estaba, sen problema. É cousa de consellos e popularización.
E algo semellante pasa cos nomes xeográficos. Hai exónimos que cambian, por desexos dos gobernos locais; outros por cambios inerciais que teñen que ver con perdas de contacto, ou moitas informacións co endónimo do lugar, etc. Estudamos Pekin e agora din Beijíng. Estudamos Birmania e agora fálase de Myanmar. E hai idas e voltas: a vella Camboia chamouse así ata os tempos de Pol Pot; despois xuntos, desapareceron, o seu réxime tolo e o nome de Kampuchea.

E xa preto de nós, evaporáronse moitos topónimos exóticos. Por exemplo, de falarmos de “angora”, todos pensamos nun gato ou nunha clase de la. Pois era o nome vello, de Ankara, Turquía. E se falamos dun baldaquino, nin se nos ocorre lembrar Bagdad á que hai séculos chamabamos Baldac. Por Europa, a presenza española fixo comúns e permanentes na lingua irmá, a maioría dos exónimos actuais (Maguncia, Aquisgrán, Florencia,  Gante, Ginebra, Hamburgo, Sajonia, Tréveris, Turín, Nápoles, Londres...) aínda que algúns, como Bona (Bonn), León (Lyon), Tolosa (Toulousse), Mastrique (Maastrich), Plasencia (Piacenza)... decaeran no uso.

E en España, segundo a resolución das cortes, do 3 de marzo de 1998 (BOE do 5/3/98) baixo a presidencia de Aznar, o nome das provincias de La Coruña e Orense pasou a coincidir co dos concellos capitais, seguindo o exemplo dunha norma anterior, (BOE 28/02/92, con Felipe) no que oficializaba Girona e Lleida, pero cunha disposición adicional que dicía “En los libros de texto y material didáctico y en otros usos no oficiales, cuando la lengua que se utilice sea el castellano, el topónimo correspondiente podrá designarse en esta lengua”. Os vascos, no 2011, fixeron o mesmo: Araba/Álava, Guipuzkoa, Bizcaia (BOE 6/7/11), xa con Zapatero.  O caso é que está claro que por aprobación nas Cortes, os nomes oficiais non teñen dúbida, pero os usos non oficiais, poden legamente, seguir outras dinámicas, inda que non sexa tendencia. Nós, dicimos Xaén, ou Xixón e San Cugat del Vallés (e non San Cucufato de los Valles, ou “dos vales” en galego). Desde o castelán, tamén poden facer as adaptacións que lles presten, pero os topónimos Gerona, Lérida, Orense e La Coruña, non utilizables en usos oficiais, devecen no uso. Inda máis, moitos son os galegos, mesmo castelán parlantes, que consideran menosprezo a reticencia ao uso de Sanxenxo- por persoas que, pola contra, din sen problema,  “El show de Shakira”.  En fin, se desaparecese “Sangenjo” da lingua usual castelá, como lle está pasando a Miami (pronunciado xa case sempre Maiami) ou a Gerona, pois nada ía pasar, desde logo. Pero a min, tanto me ten.

Te puede interesar