Opinión

Flotilla da liberdade de Libia

Creo que a esquerda europea debía organizar unha flotilla da liberdade a Sirte ou a Bengasi. Si. A Libia. Naquela zona conquistada polo Estado Islámico é onde se deceparon os pescozos hai uns meses a un grupo de trinta traballadores exipcios coptos explicitamente por seren cristiáns. E alí fan bandeira desa barbarie que estenden, coa máxima inhumanidade posible por todo o norte de África. Desde o Sinaí a Túnez e aínda máis aquí. E por todo o centro o Sahara de norte a sur, e por todo o leste, de Somalia a Kenia. E fomentan descaradamente a inmigración a Europa en barcos inhumanos, con mafia inhumanas, co fin de desastabilizar os os nosos réximes democráticos e sociais, onde, humanitariamente, se rescatan e acollen eses peóns dun xogo diabólico. Trátase, claro, de movementos xeoestratéxicos para fomentar actitudes defensivas que conduzan ao racismo e así teren xustificacións para a expansión da súa vesania. A publicación das caricaturas de Mahoma, inxenua defensa da liberdade de expresión ante a coacción dos grupos islamistas, foi festexada caladamente, sen dúbida, polos teóricos destes grupos, porque lles permitiu espallar ideas de vitimismo cultural e fomentar máis ese extremismo entolecido.

Efectivamente é precisa unha reacción calma e intensa contra esa ameaza mundial. A execución o outro día doutro continxente de persoas no teatro romano de Palmira, fusiladas por nenos, ou outras en Musul, dinamitadas dentro dun coche ou atropeladas con camións, póñennos perante o horror máis absoluto, política de Estado, para espallar o medo entre os soldados que o combaten. O piloto queimado na gaiola foi outro exemplo. Saben de quen é a frase, falando do Estado Islámico, "Este perigo non recoñece chiítas, sunitas, musulmáns, cristiáns, drusos, iazidís, árabes ou kurdos. Este monstruo medra e se fai máis grande”?. Pois nin máis nin menos que de Hassan Nasrallah, lider de Hizbulá, por iso o combaten en Siria, en Iraq e onde poden.

En fin, creo que esquerda europea precisa ampliar os seus obxectivos e solidarizarse activamente tamén cos que sofren, se o opresor é musulmán. E deixámolos sós. A mellor forma de axudar a paz no oriente medio, é illando e combatendo os extremismos, forzando cada un aos seus amigos a que busquen a paz dialogada e non a vitoria nunha guerra imposible. Ou sexa sentándoos para que falen e se recoñezan e non encirrándoos para que pelexen. Claro, que o de ir a Libia é complicado. Non é o mesmo enfrontarse a un país democrático e occidental como Israel, cun grave confllito terriotorial e histórico, por suposto, complicado de xestionar e viaxar nun barco acompañados dun deputado no Parlamento Israelí, árabe el e con inmunidade parlamentaria, Bassel Ghattas, e de xornalistas israelís, que verse sós ante unha gavilla de exterminadores inmisericordes, como se verían en Sirte ou Bengasi.

Por iso, non só os cristiáns caldeos, asirios, coptos, pakistanís, nixerianos, senón todos os musulmáns de boa fe desas partes incenciadas do mundo, precisan as nosas simpatías e o noso apoio activo. E se non nos atrevemos a ir nunha flotilla, polo menos telos presentes nas nosas análises.
 

Te puede interesar