Opinión

Franco e os memes de hoxe

Non é certo, en absoluto, que levantar a lousa de granito e andar cos restos de Franco de aquí para alá, zarraspicase o coronavirus por aquí e por alá. Non ten nada que ver. Este virus veu da China como o outro de Ferrol. Aínda así, hai algunhas cousas en común, ben interesantes desde o punto de vista sociolóxico, entre o comportamento da poboación no momento do óbito daquel home reconvertido en momia viaxeira, e neste tempo de tribulación no que estamos por mor doutro bichoquiño ruín, pero ben máis pequeneiro. E esas cousas semellantes teñen que ver co comportamentos das xentes. En primeiro lugar, a enorme calma. Cando morreu o ferrolán todo o mundo reaccionou perfectamente. Uns, poucos, encollidos e con discreción, abriron botellas de champán en salóns madrileños ou tomaron copas de licor café no La Paz, na nosa rúa da Paz; outros, sobre dous millóns de papóns, pasaron diante do féretro a “despedirse”. Pero todos, e a maioría que estaba nas casas expectante, sabían que nada sería igual no futuro. E de aí, dese convencemento común, viñeron as nosas liberdades, a través da nunca suficientemente gabada transición. E si, agora tamén sabemos que nada volverá ser igual, así que pase esta crise. Os valores están cambiando. Esta reclusión nas casas, hanos facer valorar máis a esfera privada da vida. O de “o caso é ter saúde” pasa de refrán de vellas a ansia primordial e colectiva. Enchémonos de bos propósitos para cando pase a peste. Como en fin de ano, pero ao grande. Tampouco, nada no sector económico será igual. Sabemos, agora con probas, que o presente é sumamente vulnerable e volátil, e que as xentes son obedientes, manipulables, colaboradoras e sensatas. Protestamos no común, discutimos con paixón sobre piolladas -crispación impostada-, pero cando aperta a historia, parece que sabemos reaccionar. En fin, creo que todos se equivocaron na orixe, pois tanto as manifestación do 8-M como o mitin de Vox en Vistalegre e as precampañas do PP, do PSOE, etc. non debían ter sido celebradas. Tanta man, tanto bico, tanto baño de masas, fai que a clase política sexa, curiosamente, un dos colectivos máis castigados; e non polas razóns heroicas do colectivo sanitario. A uns e outros, por suposto, a máis rápida das recuperacións. Así que, agora todos calados e a turraren xuntos do carro. 

Pero á par desta calma, tranquilidade, bo facer médico e colaboración cidadá, están tamén os memes. Si. O combate á enfermidade non ten que ser seriote e apocalíptico. Pode un rirse de si mesmo e das desgracias, pois estamos no país que estamos, no do xénero picaresco, e non noutro. En vez de heroes tipo Rei Artur ou Robin Hood, os nosos son o Lazarillo, o Buscón, o Quixote... Todos antiheroes empapados de comicidade, fondura e tenrura. Así sempre houbo bromas e chistes sobre os nosos gobernantes. Cos de Franco poderíase facer unha verdadeira antoloxía. Nos días de outubro e novembro de 1975 en que espernexaba sen o que deixasen morrer en paz, circularon centos, miles deles, sen tocar páxina de xornal ou onda de radio. Aínda non se podía. E circularon. Pena de antoloxía. 

Agora o mundo é máis tecnolóxico, máis inmediato, hai outras canles de difusión. Memes de guasap, fundamentalmente. Centos de memes. Simpáticos. Brutos. Realistas. Copias. Recreacións. Textos, imaxes e vídeos. Cumpría recollelos todos. Creo que son unha especie de bálsamo, non desdramatizador, pero si que axuda a sorrir en momentos de desacougo. Si. Foron daquela os chistes de Franco, e agora os memes do coronavirus. Que todo remate como o daquela: a calma e o ben da maioría fixeron que gañásemos unha partida difícil. Desta vez, non o dubiden, vai ser igual. 

Te puede interesar