Opinión

O gaiteiro funcionario

Ooutro día fun ver ao Bieito Romero facendo de Gaiteiro da Catedral no día inaugural da homenaxe permanente aos falecidos do covid-19 e lembreime daqueloutro co que o Concello fixo un pacto, unha avinza chamábase daquela, igual que o acordo que se facía cos médicos no rural cando non había sanidade pública para que vivise e tocase en Ourense. Corría o 17 de decembro de 1458 cando as nosas autoridades avéñense documentalmente co noso primeiro músico coñecido, a quen chamamos Gomes Mouro. Pero sería mellor investigar un pouco máis o nome. Cóntolles. En Ourense había un historiador xenial para os medios con que contaba, don Benito Fernández Alonso. Supóñolle ascendencia xudía, tamén porque escribiu unha magnífica historia dos xudeus en Ourense publicada por capítulos no Boletín de la Comisión de Monumentos. Aí, en 1903, cita por primeira vez esa avinza e non exactamente coas mesmas palabras que o documento que reproduce Ferro Couselo n’A vida e fala dos devanceiros, en 1968, e que lle deu certa sona entre os estudosos do tema. A diferenza máis grande dos textos é que o de Fernández Alonso vai introducido por unha mención entrecomillada -presuntamente textual, pois- que di “Xerome Gomes, Gayteiro, Mouro”. Daquela, aínda que no resto do documento non volve pór “Xerome” existe a posibilidade de que o gaiteiro se chamase Xerome, se apelidase Gomes, e que fose identificado como “mouro”, por selo. Tamén nos indica que a avinza seguinte é dun compañeiro; Fernán, tamén mouro, tamén músico e a quen el sospeita “tamborileiro”. Cómpre revisar os orixinais do libro de avinzas do Concello... e xa estou pensando en estrear como usuario o noso Arquivo nas súas novas instalacións de San Francisco. Xa lles contarei. 

Volvo ó Bieito Romero que o deixei alá riba empoleirado no primeiro piso da torre das campás da Catedral. E que me pareceu? Despois de certo escepticismo inicial ante calquera novidade con trasunto político, pois creo que é boa idea. Si. Eu parei en Santo Domingo de la Calzada para ver o galo, ou moitos veñen ver o botafumeiro de Santiago -ollo, que en Ourense tamén o houbo, e non digo nada, eh?...- e púxose de moda para as vodas galegas regalar Sargadelos, etc. Si. Pódense crear tradicións. E unha exposición pública da arte gaiteira nesta terra da Real Banda, da Escola de Gaitas, de Cristina Pato, de Foxo, dos irmáns Castor e Felix Castro Vicente, e onde naceu o Día do Orgullo Gai-teiro, pois pódese converter, indubidablemente, nun reclamo turístico. E toda tradición sempre tivo unha orixe nun feito ou nunha evocación de algo que abalase a colectividade. As festas de San Roque empezaron en Ourense para agradecer ó Santo a vitoria sobre o cólera de mediados do XIX. Pensen na festa da “Arribada” de Baiona, na da Historia de Ribadavia, na do Esquecemento en Xinzo, no Arde Lucus... Si. Crear tradicións é crear cultura viva.  

O tema da xestión non vai ser fácil coa intención de eternidade con que se anuncia, pero está a Igrexa polo medio e diso entende. O himno de Ourense? Ben. Sen dúbida. Pero podía complementarse. Filgueira Valverde recolleu dun vello músico nos inicios dos anos vinte a Marcha do Antigo Reino de Galicia que tocaban os gaiteiros desde o século XVI en ocasións solemnes, como cando se facía a ofrenda conxunta das cidades de Galicia ó Altísimo na Catedral de Lugo en honra do reino desaparecido. Velaí unha base histórico-relixioso-musical moi interesante. Ourense, porta e chave de Galicia. Podía o gaiteiro botar as dúas pezas? Podía facelo desde a cima das escaleiras, saíndo e entrando pola porta da Catedral, como o cuco dos relós, máis á vista e con mellor son? Podíase cortar o tráfico na Paz e en Arcedianos, cinco minutiños, como respecto ó gaiteiro e para que se escoite mellor? A idea é boa e se cadra cumpría ila afinando a medida que se toca.

Te puede interesar