Opinión

Galeguismos en Canarias?

O outro día estaba vendo na televisión un programa case étnico sobre Canarias. A presentadora, Ana Duato, andaba polas illas falando con xente do traballo. Nun momento dado, querendo achegarse á fala do paisano á hora de probar a cortar unha piña de plátanos, dille: “No sé si tendré geito para esto”. Sabía eu algo xa de que, ás veces, parecía ter influencia galega desque a miña irmá me comentou que dicían “vergoña” en vez de vergüenza, na illa de Tenerife. Galega ou portuguesa, claro. E deille unha volta á fala das Canarias. Cando foron descubertas e conquistadas tal que no século XV, houbo moitísima presenza portuguesa. Incluso hai bastante documentación antiga das illas, libros parroquiais, etc., que chegan ata un par de séculos despois, escritas en portugués, ou poderiamos dicir, se cadra, na vella modalidade galego-portuguesa, pois daquela as dúas pólas da árbore non esgallaran de todo.

O caso é que topei na rede bastante información e algún vocabulario. As palabras que lles vou dicir a continuación, voullas dar sen tradución ao galego, non o precisan, iso que algunhas nos resultan simpáticas e acastrapadas. Parecen case broma. Como dicir, como din, “ageitarse”, ou “geito” exactamente co mesmo significado que lle damos nós. Aí van outras: andancio, arripiar, bacinilla, bago, choco, emborcar, engurruñado, entullo, esmorecerse, ferruje, fonil, folía, furular, gaveta, liña, machucar, magullar, margullar, millo, rente, regumbio –o noso rebumbio-, sacho, tupir... Pero non lles é en todas as illas. Menos en Lanzarote e Fuerteventura, hai restos en todos lados, fundamentalmente no norte de Tenerife e na Palma. E furgando un pouco no tema, penso que desde o século XIV ata o XVI, o Atlántico centro occidental debeu ser un mar case portugués, pois empezaran a baixar pola costa de África desde Enrique o Navegante. E cando se fala de mariños e mariñeiros portugueses, se cadra debemos dicir portugueses e galegos, como ben nos ensina o exemplo do ourensán Xoán de Novoa. Os españois pasaban por alí máis ocasionalmente, e grazas ás Canarias, puideron ter un relanzo onde coller un pulo e seguir cara América, pois daquela as cousas de “cobertura” andaban bastante limitadas. Esa rexión con personalidade biolóxica e xeográfica de seu, chámase “Macaronesia”, o que na lingua grega quere dicir, exactamente, “illas afortunadas”, o lugar occidental de nacemento dos deuses. Intégrana cinco arquipélagos: Azores, Madeira, Ilhas Selvagens, Canarias e Cabo Verde. As illas Selvagens son só uns illotes case despoboados a medio camiño entre Canarias e Madeira e non contan moito. No resto, como saben, fálase portugués. De aí que naquela época, andasen os poboadores que buscaban onde asentarse e emprender unha vida libre na que o único impedimento fose a natureza e non o sistema social vello, dando voltas dun sitio para outro por ese mar. Incluso, hoxe, hai moitos vellos apelidos comúns a estas illas. En fin, que me dá un pouco de pena que non sexa tanto influencia nosa como dos veciños do sur. Pero é o que hai e, no fondo, tanto ten.

Te puede interesar