Opinión

Galicia suma?

O PP de Casado acaba de rexistrar para todas as comunidades unha marca electoral á imaxe e semellanza de Navarra Suma, pois quere reproducir ese modelo nas futuras confrontacións electorais. Pero este movemento, sen consultar, creou desacougos. Ciudadanos falou de ousadía e despiste... Outros máis próximos, rosmaron e deberon calar. 

Pero desde a máxima distancia -tamén xeográfica, “Ourense dista 522 kilómetros de Madrid, y tal vez menos a Nova York”, como dicían en La Centuria en 1917- creo que Casado se engana, pois non debería coutar posibilidades de análises e impulsos, de momento ben máis exitosos cós seus. Por exemplo Galicia, lugar de nacemento do PP e con varias maiorías absolutas seguidas. Semella que Ciudadanos, con cero deputados hoxe en Santiago (fronte a 41 do PP), con 35 concelleiros en todo o territorio (fronte a 1.629 do PP), e que non chega ao dous por cento de votos nas municipais, fronte ao 33,55 do PP; ou Vox, con cero concelleiros e menos de dez mil votos en toda Galicia (fronte a máis de medio millón do PP), pouquísimo poderían achegar, máis ca o “arrastre” do nome. E creo que podería pasar como noutros contos da leiteira electorais: que o “arrastre” fose cara abaixo.

Non teña dúbida Alberto Núñez Feijóo que a imaxe dos líderes galegos do PP se reforza ante o seu público a medida que se afasta dos designios de Xénova. E debe intuílo porque non quixo “axuda” de Rajoy nin de Casado nas súas campañas. O tan lembrado como efectivo lema de Fraga, “Galego coma ti”, superador daqueloutro inicial da derrotada AP de “España, lo único importante”; a axenda propia fraguiana contra a opinión de Aznar -viaxe a Cuba, á Libia de Gadafi, que tan malo non debía ser; a vinda de Fidel Castro a Galicia-, fixéronlle subir puntos a Fraga. Si. Non suma non a adición de siglas, moitas veces chocas ou resentidas, nin agachar orellas a Madrid, senón a idea dunha identificación co país, coa terra e coas xentes, semellante á do conxunto da poboación. E iso non vai a menos. 

Non medrará o nacionalismo de esquerdas, non existirá o nacionalismo de dereitas, pero á maioría social impregna esa preocupación difusa por Galicia que poderiamos cualificar simplemente como un xeito de galeguismo esencial que cómpre traballar. Creo, tamén, que moitos galegos pouco ou nada metidos en política pensan que é unha vergoña que Aragón, Asturias e Cantabria teñan deputados que falan só no seu nome e que asisten a reunións co Rei e participan en negociacións de Estado, mentres que as voces de Galicia estean subsumidas. Os dez deputados do PSOE e os nove do PP, igual que os dous do Ciudadanos e o dous do Podemos, traballan de gregarios en cadanseu pelotón. É máis, o estrepitoso fracaso das Mareas que pasaron do 22 por cento dos votos en 2016 ó 1 por cento en 2019 para o Parlamento español e a falla de representación alí do BNG, creo que poderían configurar unha boa oportunidade para o éxito da reformulación en clave autóctona do consevadurismo galaico. 

Desde a perspectiva noroeste, o elemento catalizador nas próximas eleccións podería ser a potenciación dese “galeguismo” entendido como ideoloxía ampla que conxugase o elemento conservador intrínseco -permanencia de lingua, fidelidade á historia da terra, á emigración, á natureza mesma, etc.- co do progreso imprescindible... Ese galeguismo transversal, integrador, logrou que fose un terreo común a evocación orgullosa do país e das súas xentes sen precisar negacións doutras realidades. Fronte ao madrileño “Galicia suma” -a quen?- aquí, creo, empezar porque “Galicia une”, o “galeguismo une”, seríalles boa reflexión. Seguro que para este cesto habería outros bimbios; febles, se cadra, pero de moito mellor nome, sona e historia de servizo á terra.

Te puede interesar