Opinión

Gretta, George Clooney e a responsabilidade

Dábanme ganas de empezar unha campaña en change.org para pedir que lle retirasen a patria potestade aos pais desa nena que en vez de estar no cole deciden poñela a dar leccións, vía ciencia infusa, a todo o mundo mundial. E deciden que é mellor para ela facela cruzar o Atlántico en iate que en avión. Ou iso ou pensar que é a reencarnación de Buda ou de Xesucristo e todo o sabe, e é ela a que manda na casa... En fin, a pura manteiga sentimentaloide non pode mandar. Os problemas hai que encaralos con coñecemento, seriedade e decisión. Incluso aqueles cuxa orixe non teñamos clara. E non, non me teño por formar parte de ningún “puñado de fanáticos” que é como o ambicioso -no bo e mal sentido da palabra- presidente do Goberno en funcións acaba de designar, creo que dun xeito asaz totalitario, aos que queremos reflexionar sen orelleiras sobre calquera asunto; incluso, o cambio climático. E non quero insistir en que os romanos tiñan viñas en Inglaterra e que desde finais do XVI aos fins do XIX houbo un período tan frío que se celebraban festas sobre o Támesis conxelado en Londres, como a arte, entre outras cousas, nos ensina; ou que houbo períodos glaciares e interglaciares. E insisto en que debemos actuar como se todo fose culpa nosa, polo ben do sentido común e do planeta, pois este é finito, non hai planeta b, e non podemos acabar con el. Evidentemente. Pero non quero, desde logo, culpabilizar a Occidente, difusor da civilización antropocéntrica dos dereitos humanos e sociais, da sanidade, da escolarización, da igualdade da muller, etc. e único lugar de reflexión libre e redución progresiva de impacto ambiental. En fin, que Greta debería estar na escola e socializando na medida en que lle sexa posible, pois non ten, nin pode, a madurez para xestionar a súa sobreexposición mediática. E si, tamén creo que deberiamos tomar ducias de medidas na nosa vida cotiá, sen foguetes, como a da redución das bolsas de plástico.

E con George Clooney pásame o mesmo que cos xogadores de fútbol ou estrelas televisivas que anuncian xogos on line. Desacóugame o que anuncian e que se presten a elo. Estoulles a favor da desaparición das cápsulas de café de alumnio. Sen máis. Cada unha leva seis gramos de café e tres de envase. Hai vinte anos non as había, e nada pasaba. Imaxinen que entran nos Cafés Campos engaiolados polo arrecendo que se espalla pola rúa da Concordia e que o envoltorio do quilo de café recén moído pesa medio quilo. E saben cantas cápsulas de aluminio e plástico e restos orgánicos -borras- malas pois de reciclar por combinación, se consumen no mundo? Pois sete mil millóns ó ano. 13.500 por minuto. Non lles minto. Míreno. E saben que a produción de aluminio é das cousas máis contaminantes que hai? Unha tonelada de aluminio, 15.000 kilowatios de enerxía eléctrica, cinco toneladas de residuos de metais pesados, 30 kg de dióxido de xofre, 4,5 kg de fluoramina -que non sei o que é pero soa como a medicina mala, e vapores de alcatrán deses da chuvia ácida-. En España prodúcense ao ano, 60.000 toneladas de aluminio. 

En fin, o consumo é clave. Os venres negros son realmente negros. A paranoia, a roda consumista, efectivamente consúmenos. Físicamente o planeta; anímicamente as persoas. As que pensen que na posesión de obxectos está a felicidade, enlousan con eles o camiño da insatisfacción pois nunca van ter todo e, como a droga, sempre van querer máis. En fin. Consumo responsable. Con suma responsabilidade.

Te puede interesar