Opinión

Héroes no silencio

Odía 22 de decembro fun dar unha volta pola sala de profesores do meu instituto, o das Lagoas, a segunda vez que a pisaba desde o mes de xuño. (Os ex debemos ser especialmente colaboradores, pero na distancia. Como se dicía antes, se cadra cousa das partidas de cartas de comezos do século XX, “os miróns calan e dan tabaco”). E o que alí vin, móveme a falar, porque a escasa distancia de poucos meses fóra das aulas, suficiente porén para empezar a ter unha perspectiva distinta, aínda non me converte nun simple mirón. E fun para desexar boas festas aos meus compañeiros e amigos e participar, congratulándome, na despedida das aulas dunha das mellores mestras -o de profesora soa nela a pouca cousa- da historia do instituto, ou sexa, de Galicia, Celia Díaz; todo esforzo, todo eficacia, todo compromiso, todo cariño e esixencia motivadora cos alumnos. Parabéns e benvida a esta parte do espello.

E fun para ver tamén como andaban as cousas. E si. Polas conversas cos compañeiros, pero tamén cos alumnos que o foron ata hai uns meses, teño que dicir que ben. Moito mellor do esperado. Si. Os profesores falaban da calma, esforzo e colaboración dos alumnos e das familias nestas enmascaradas circunstancias. Tiñan, si, saudade das caras. Cos doutros anos abonda verlles os ollos para reconstuírlles os sorrisos. Pero ás novas incorporación -sobre todo en 1º da ESO e 1º de BAC- van tardar en podelo facer. Se os topasen pola rúa sen máscara, dicían, non os recoñecerían: nunca lles viron as caras. Aínda así, o esforzo persoal e colectivo era transparente. Falaban do cumprimento das normas sen ter que insistir, e de moitos menos pequenos conflitos nas aulas ca nunca. Andar, andan todos un pouco encolleitos, pero iso non fai que ninguén tire a toalla. Todos, sen fisuras, profesores e alumnos e familias, apoian as clases presenciais cos eficaces coidados que se teñen. E coméntanme alí, o desastroso caso da Arxentina, un curso escolar totalmente perdido, con menos de quince días presenciais. O esforzo, a reinvención do profesorado fainos mestres na arte da adaptación e da nova palabra de moda, resiliencia. Xa saben, esa calidade difícil de pronunciar que da física pasou á psicoloxía e á vida cotiá. 

Entenderano ben cun exemplo. Imaxinen unha lámina de aluminio ou de chumbo, pétaselle cun martelo e defórmase. Xa non digamos o que lle pasaría a un cristal. Cero resiliencia. Pero collamos unha gomaespuma dun colchón barateiro: pódeselle bater cun pau a fartar, pódeselle pasar lentamente unha apisonadora por riba, que, ao acabar, volverá ó seu ser. Velaí o que é a resiliencia. Velaí unha actitude que debemos transmitir ás xeracións máis novas en canto á forma de encarar as contrariedades. Nada, absolutamente nada, nos derrotará para sempre. Poderán caer, poderemos caer, milleiros de persoas; poderá haber gravísimos problemas económicos e sociais; poderán as administracións -se cadra inevitablemente- ter os ollos máis noutras cousas ca en cada centro de ensino, pero encarando as cousas como fixeron os profesores nestes tempos -adaptación, esforzo, profesionalidade, ánimo e vontade- todo se acaba superando e transmitindo boas vibracións a un alumnado e a unhas familias, que os deben valorar, que xa os valoran, máis ca nunca, como referentes de comportamento. 

Por todo isto e moito máis, non me queda outras cousa máis que darvos as grazas, meus compañeiros; orgulloso estou da profesión que me deu o pan e sal da vida.

Te puede interesar