Opinión

Hipertensión covid

Se non están ben tensas as cordas que amarran un toldo, lévao o vento. Pero se se tensan de máis, rompen cordas, toldo e aínda se pode mancar alguén. Hai, si, que procurar o equilibrio entre a lasitude e a excesiva tensión. E vitalmente, entre o acomodaticio deixarse levar e o estar sempre á contra; entre ser un miñaxoia e un repunante. Os médicos de dereitas, os de esquerdas, os do medio e os do lado, fártanse de nos aconsellar que manteñamos a tensión a raia: nin hipertensión que nos faga estoupar os canos da vida, nin hipotensión que nos maree e nos deixe sen pulo vital. E debemos facerlles caso, pois eles saben e nós sabemos que saben. Diso, do covid e de calquera cuestión de saúde, falen eles e nós obedezamos. E punto. 

O equilibrio é a situación ideal. Na fontanería, nin presión de máis que rebente condutos, nin de menos que faga que non chegue a auga aos pisos superiores. O profesor, nin toxo-toxo, nin colega-guay. Na luz, nin subas de potencia nin baixadas. En fin, en todo, nin híper nin hipo.

Así eu creo que os sociólogos (de dereitas, de esquerdas, do medio, de arriba e de abaixo) deben advertir aos cidadáns e aos políticos especialmente, contra a hipertensión social. A excitación colectiva crea moi mal ambiente na sociedade. E sabemos todos como se traballa ou vive con mal ambiente: en vez de inercias de sentido común, tolerancia e botar unha man, todo son malas caras, chamadas de atención e enxurradas normativas. 

Creo que o fluxo de información sobre a pandemia é excesivo e mal enfocado. Debemos partir de que todo problema, por grave que sexa -e hoxe hai onde escoller- ten mellor xestión con sosego que con hipertensión social. Non é boa cousa abafar a xente con cifras constantes e con minorías irresponsables. Permítanme unhas reflexións: a cidadanía está facendo as cousas ben: a desaparición da gripe e dos catarros fala de que o facemos ben... pero non o suficiente, porque o bicho tamén traballa. Somos dúas especies que levamos millóns de anos adaptándonos e competindo para vivir. A cousa non vai ser nada fácil. As curvas de hoxe parécense ás curvas da gripe de 1918-20 e non sabemos o porqué. Debemos protexernos, pero non culpabilizar só á xente nin buscar só dianas políticas. En todos os países, goberne quen goberne, pasa o mesmo, e esas ondas do bicho fálannos, se cadra, de que existen dinámicas internas que aínda non entendemos ben. En calquera caso, debemos extremar as medidas de seguridade, como din os médicos, e ter calma. 

Na gripe de 1918 morreu o 2% da poboación de España. Non temos certeza de que non vaia ser así ou peor, aínda que coas armas que hoxe temos, esperemos, sexa menos. En calquera caso temos que estar preparados para ese escenario ou outro calquera. E hoxe, sen mínimos consensos políticos e sociais, todo tende á exasperación; e de aí á desesperación non hai moito. Cómpre si, clarificar os protocolos de vacinación; pero non é nada grave -para min-, se non había dolo, que se sobraban vacinas e non había establecida unha normativa previa de que facer con elas, antes de tiralas, que as usasen os que estaban traballando no tema. Desde logo a prelación da vacinación debería incluír nos primeiros momentos os que están ao cargo da sanidade, bombeiros, protección civil, gobernos de todos os niveis, servizos públicos, entre eles, por suposto, policías varias, Garda Civil, militares, supermercados, ensino, dependentes, etc. Se é unha guerra, aínda que rara, debemos protexer axiña aos máis transcendentes na toma e execución de decisións, no combate e na continuación da vida, e non hiperactuar, rasgar as vestiduras, nin pórse nerviosos, que nos sobe a tensión. 

Te puede interesar