Holocausto e futuro...

Holocausto e futuro...

Mañá, día 27 de xaneiro, conmemórase o día internacional do holocausto do pobo xudeu a mans de Hitler e os seus secuaces, e é bo lembralo unha vez ao ano para saber ata onde pode chegar a vesania duns homes e a pasividade doutros, etc., etc.

A verdade é que non me seduce o tema, aínda que sexa necesario volver ritualmente unha e outra vez sobre el; prefiro centrarme na estima na nosa historia da herdanza xudía e na súa proxección posible no presente. A herdanza dunha colectividade, nunca numerosa -78 familias había entre Allariz, Ribadavia, Monforte e Ourense a mediados do XV, segundo aparece nun documento-, pero si moi importante, e que desapareceu esvaída na maioría ou transterrada, primeiro a Portugal e despois esparexida polo mundo en tres grandes grupos. O primeiro, no norte de Europa -desde os Pereira de Burdeux, ata os Castro de Londres ou os Espinosa dos Países Baixos. O segundo grupo, os que marcharon cara ao sur, cara ás terras marroquís e do norte de África, con Ceuta ou a illa de Yerba, na costa tunecina, como lugares emblemáticos. Un terceiro, no mundo máis central do imperio otomano; desde os Balcáns ata Salónica, desde a illa de Rodas á mítica Estambul, como a familia Pardo, por exemplo; ou incluso os que chegaron a Terra Santa, desde a cidade cabalística de Safed ata as sinagogas sefardís de Xerusalem ou de Alepo. E logo, xa en séculos posteriores, os que cruzaron o Atlántico, sobre todo desde os Países Baixos e formaron as primeiras sinagogas de América do Sur -Pernambuco, Curaçao- ou do norte, coa Sinagoga Touro, a primeira de Nova York. 

Ben. E nós? Pois eu creo que deberíamos potenciar o destino turístico Ourense dentro da Rede de Xuderías de España, Camiños de Sefarad. Explícome. Non é algo que nos vaia sacar de pobres, pero é algo que axudaría, como deben axudar as accións ao redor do destino romano-termal e de saúde, destino cultural e histórico, destino natureza, capital da montaña e da Ribeira Sacra, destino enolóxico (Ourense, capital das catro denominacións), etc. Parecen vimbios que se deixarían tecer ben. 

Sigo. En Galicia xa están dentro da rede Camiños de Sefarad, Ribadavia, Tui e Monforte. Allariz ben podería, pois ben coñecida é a presenza hebrea nesa localidade, con rúa da Sinagoga e restos do cemiterio con laudas publicadas. E en Celanova aparecen, en 1044, citados os primeiros xudeus de Galicia. E Ourense cidade podería candidatarse, sen dúbida. Hoxe aínda non está definido nin traballado o produto “Ourense xudeu”, pero ben podería, porque hai material e temos especialistas, como Gloria de Antonio Rubio, que, creo, estarían dispostos a traballar e que ben coñecen a documentación medieval dos rexistros notariais, eclesiásticos e municipais, a maior en relación aos xudeus de Galicia e autora das obras máis modernas e completas sobre o tema. E de aquí é tamén o noso historiador clásico da comunidade hebrea, Benito Fernández Alonso, que mantiña correspondencia habitual con núcleos de sefardís de todo o mundo. E aí está a vella “A vida e fala dos devanceiros”, de Ferro Couselo. 

E a idea forza distintiva, identificativa, podería xirar ao redor dun símbolo da concordia: en 1442, o concello volve polos veciños xudeus contra o saqueo da súa sinagoga por un señor feudal, e incluso o bispo de Ourense excomunga os asaltantes. E hai algunha lembranza da Casa da Xudía na Alameda, referencias case exactas da sinagoga e algunha outra cousa. Mesmo temos un escritor, Blanco Amor, que pola liña dos Amores, dicía -e seguramente teña razón– que era de orixe xudía. Hai material para facer un proxecto. 

Ademais, o turismo xudeu é de alto nivel cultural e amplos recursos económicos; móvese e gasta. Que ben lle cómpre ao comercio local e a toda a vida da cidade. Así pois, םוֹלשָ ou pola nosas letras, Shalom.