Opinión

Unha idea porco brava

Os lectores  de Astérix e Obélix  sabemos como acaban as súas historias: cun banquete de mesa corrida, a fartar de xabaríns ao espeto, mentres todos os veciños e veciñas  da aldea gala cean e rin ao redor dunha inmensa fogueira. Todos? Non. O bardo Asuranceturix -Segurosatercerix nalgunhas traducións hispanoamericanas-, atado previamente por Obélix, rabea e non pode pór “banda sonora” de harpa e cantos épicos. A festa toda é, en si, unha exaltación das virtudes propias do común e da súa resistencia. 

E como o historiador galaico-romano Paulo Orosio dixo que o Monte Medulio estaba situado  “Minio flumini inminenten” -ou sexa preto do río Miño-,  pois retorcemos a cousa e declaramos que o lugar da última nosa resistencia galaica  aos romanos foi San Cibrán de Las -e non o castro de Cido, no Courel, como parece- e decidimos que Ourense debe ser  cidade irmá da aldea gala. E unímos á festa. 

E efectivamente, se do que se trata é de chamar a atención por moitas luces ou por poucas, e conseguir as primeiras páxinas dos xornais polas rendibilidade turística e/ou política dos promotores,  hai unha vía inexplorada que contaría co aplauso e envexa da xente do común, sobre todo do rural e periurbano de toda España. 

Todos sabemos que desque se xubilou Obélix e desapareceu o lobo, o xabarín quedou sen depredadores naturais e por iso  inzou no monte como as silvas nas casas abandonadas. Co  vello equilibro roto, o monte avanza tamén  sen control por onde outrora foron terras cultivadas, e dáse unha converxencia de circunstancias explosivas, cando menos, na natalidade do porco bravo. En Galicia, din os expertos, hai da orde de 200.000 xabaríns e uns 20.000 foron cazados de xeito “oficial” no 2019, último ano normal antes da pandemia. En España, seica hai un millón deles. Pero inzar, inzan por todo o mundo. Desde o Brasil a Romanía. Sempre o mesmo, menos lobos, máis abandono, máis monte. E eles volvéronse confianzudos.

Ben. Poñámonos a organizar a “Festa do Xabarín”. Falemos cos cazadores, cos veterinarios, e cos bares. Escollamos unha data. Premiemos ás partidas de cazadores que acheguen máis pezas á Praza Maior ás dez da mañá do domingo sinalado. Alí, o Colexio de Veterinarios, faría o control da triquina nas linguas dos abatidos. Premios aos exemplares máis robustos. Na Praza de Marcial, conforme á tradición medieval, estaría o tallo onde se lle sacarían os coiros, as vísceras,  e prepararíanse para o espeto ou tallaríanse en anacos para pasarlles aos bares e que cociñasen o seu produto en días sucesivos. Coren podería facer unha selección de “xamóns de xabarín” para salgalos e curalos para a festa do ano vindeiro: delicatesen para iniciados. Entrementres, preparación do lume no centro da Praza Maior, con mesas corridas concéntricas ao redor. Grandes potas cocendo patacas da Limia. “Fontes de viño” das catro denominacións (no XIX eran frecuentes cando os nacementos e vodas dos príncipes e princesas). 

Convertamos  o problema en oportunidade. A ninguén se lle ocorreu unha astracanada semellante.   Podemos ser os primeiros. Gratis para todos, con mención especial  para os que garden o carné de socios do “Xabarín Club”. Viva a irmandade coa aldea Gala. Viva a “I Festa do Xabarín de Ourense” 

Te puede interesar