Opinión

A importancia da segunda fila, Amador Villar Amor

Para os amantes da historia de Ourense, Amador Villar Amor non é un descoñecido. Tiña canda o seu irmán Saturnino un colexio privado, o dos Irmáns Villar, na rúa que hoxe leva o seu nome –ao lado do resturante O Irixo- ao que foron centos e centos de nenos do Ourense entre o ano 1885 e o 1933. Empezara coa academia seu pai e logo eles déronlle a fama. Alí impartían clases -duras e boas- preparaban os ingresos, probas de libres, reválidas, etc. Por alí pasaron Vicente Risco, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Alexandre Bóveda, Vicente Bóveda, Julio Prieto Nespereira, Otero Pedrayo, etc. Precisamente este último sempre os lembraba con cariño dicindo que eran “dous populares profesores ou pasantes, moi do antigo réxime pedagóxico, a pesar das súas ideas democráticas”.

Ou sexa, pegaban. Pero tamén lembro eu –sen rancor nin agradecemento ningún- a profesores de “pedagoxía antiga” que zoscaban con vara nas mans abertas, rematando os anos sesenta do século XX. Cousas do tempo. Pero os irmáns Villar eran moi queridos. En 1932, acorda o Concello cambiarlle o nome da vella rúa de San Fernando e pórenlle o de “Hermanos Villar”, por ser a sede do colexio. A cousa no Concello –raro, raro- foi lenta, e o 27 de maio de 1934, o Sr. Indalecio Vázquez e outros exalumnos, revitalizarán o tema ata que se coloca a fermosa placa de mármore e bronce que aínda hoxe se ve na confluencia coa actual praza de Santa Eufemia.

Pois ben, cúmprense estes días 150 anos do nacemento de Amador Villar Amor en Ribadavia e convén rescatar a súa esvaída lembranza, fosilizada hoxe en rúa, igual que o ilustrado e liberal deán Bedoya, ou o diplomático en Oriente (Juan) Manuel Pereira. Pois cóntolles que Amador Villar Amor foi, tamén, un escritor modesto, colaborador do xornal semanal ourensán La República nos comezos de século XX, facedor de poemas simples, populares, na liña de Lamas Carbajal ou de Xavier Prado Lameiro, que publicou tamén n’ O Tío Marcos da Portela ao tempo de deixar bastante obra inédita.

Ao lado de poemas de costumes simpáticos, outros, segundo ollos de hoxe, serían moi sexistas e incluso algúns escatolóxicos. Ten varias coplas de maios –e doutras ocasións como de Pascua, que entregaría en busca de aguinaldo o repartidor do xornal- sobre circunstancias políticas locais e xerais, que moitas veces se nos escapan. O cume do seu éxito literario son catro poemas incluídos na Revista Nós: “O derradeiro Galán” –o nome dun can que recibe a unha moza de volta na casa-, “As chancas de Rosa” -unha moza que lle dá pisotóns a un mozo no medio do baile para escorrentalo-, “Coidado cos bicos” -unha moza que despois de verse abandonada por un mozo ao que lle nega un bico, dállo ao seguinte que llo pide, polo que é novamente abandonada por este pois “non sirves ti para min, que eres lixeira ao fin”-, e outro “Escrava”, de tintes moi pondalianos.

En fin, creo que Amador Villar Amor é un deses poetas, escritores, intelectuais, que podemos dicir, son imprescindibles para que exista unha primeira fila. Estes homes que desde atrás colaboran, acostuman lectores, turran dos máis novo, e posibilitan que outros sexan estrelas.

Si. Que haxa intelectuais como Amador Villar Amor que desde a primeira década do século XX ata a cuarta década estean activos e usando o galego como lingua literaria, é algo de lembrar. E así o fago.

Te puede interesar