Opinión

Impostos, barrancos e guerras

Veño de facer a declaración da renda. Sáeme a pagar. Non me incomoda nada. É máis, estou, loxicamente, satisfeito de estar entre os que pagan e non os que reciben, entre os que meten e non entre os que sacan. Pero se cadra tamén por iso, son bastante mirado para as cuestións de cartos. Así que, sen máis trámites, aí vai unha pregunta directa. Canto custou o operativo para rescatar o corpo do pobre portugués que morreu no barranco da Corga da Fecha en Lobios? Canto custou -sen valorar riscos- mobilizar os oito magníficos especialistas da Garda Civil, seis de Trives e dous asturianos, que estiveron colgados no abismo durante cinco días? Canto custaron os helicópteros eses de recate que van, seica a uns 3.000 euros/hora? Quen vai pagar todo isto?

Eu, fundamentalmente liber (-al, -tario...), respecto a quen lle dea por andar tirándose por barrancos, aínda que para min, a palabra barranco sempre foi asociado a tema accidente: “O coche derrapou e caeu por un barranco”, e éme difícil comprender construcións con voluntariedade asociada: “Estaba aburrido e funme tirar por un barranco”. (Por certo que esta é palabra irmá dunha outra case perdida e ben tradicional en Ourense, “Barronca” coa que outrora se referían os cidadáns da vella Auria á caída que desde a Alameda chegaba ao Barbaña, ou a outras similares.)

En fin, sigo. Respecto dicía -aínda que non admire- aos que lles dá por tirarse por barrancos. E tamén respecto, claro, aos que se lles ocorre ir a Siria e sacar fotos, facer entrevistas e empezaren de “freelance” as súas carreiras xornalísticas. Ou aos que se lles dá por meterse en covas nos Andes, en Marrocos ou onde queiran. Respecto, por suposto, calquera iniciativa que teña a ben tomar calquera persoa exercendo a súa liberdade e a súa responsabilidade, sempre que non interfira noutras liberdades, responsabilidades ou vidas. E chegados a este punto, eu digo que pago impostos encantado para termos a mellor sanidade do mundo, para a educación do colectivo e para a protección do desfavorecido pola historia, menos dotado pola natureza, ou maltratado pola idade. Ora ben. O límite está na responsabilidade. Un é libre para tomar as súas decisións pero un non é libre para deixar de asumir as responsabilidades que as súas decisións provocan. Ou sexa, se un vai a furgarlle ás avespas a Siria e o pican, pois non hai que lle facer. Pola miña banda, non quero que se gaste un céntimo dos meus impostos en xestións, subornos ou rescates para traer a casa a alguén que viaxou onde non era aconsellable, e onde, responsablemente, o Goberno dicía que non había que ir.

Efectivamente, non quero que dos meus impostos se paguen as consecuencias das tolerías alleas. Só para funcións sociais en sentido amplo. E se un se tira por un barranco ou desde unha azotea, pois respecto si, alá el, pero en absoluto a miña simpatía nin quero a miña colaboración económica. Debemos ser bos administradores. Debemos administrar a nosa solidariedade para que non se converta en carta branca para disparates alleos. En fin. Pobre rapaz. Iso é o único non recuperable.

Te puede interesar