Opinión

De insectos pouco amigos

Unha vez ía en barco pola ría de Pontevedra e bateume na cara un bichoco estraño, tipo vacaloura ou algo así. Ante a miña sorpresa, o patrón do barco sinaloume un barco entrando no porto de Marín, díxome que viña cargado de madeira africana, e que era habitual que trouxeran eses bichos voadores, escaravellos ou o que fosen, e que cando notaban que chegaban a terra, saían voando, por iso, eles procuraban non achegarse moito aos barcos.

En fin, que se non sería nun barco destes pero si noutro que chegou unha praga que me resulta, perdoen, algo simpática. Trátase dun becho que se chama “bicudo vermello” en portugués -nome que me parece ben tamén para o galego-, “picudo rojo” en castelán ou en latín Rhynchophorus ferrugineus. Un coleóptero, tipo escaravello, pero bravo e especializado. A verdade é que algo de rinoceronte ten, un bico de punto co que fura cando chega ao tronco obxecto do seu desexo. E cáeme simpático porque ataca só as palmeiras. Failles buratos de un metro de fondura, pon ovos e as larvas comena por dentro. É moi malo de combater. Chegou en 1993 a España -e volveu chegar logo en varias ocasións- proveniente de exemplares importados de Exipto que viñan infectados. Xa está estendido por case todo o mundo. Ata California chegou no 2013. Nese mesmo ano, xa foi incluído en España nunha listaxe oficial de especies exóticas invasoras. En Galicia é alucinante hoxe ver como secan as palmeiras da zona da costa -Nigrán, Baiona, Praia América...- aínda que creo que ao norte non chegaron. Como o becho vén do sueste asiático, debe ter frío por alí. E eu, que considero a palmeira como especie invasora -un día xa me queixei das corenta e pico plantadas na praia de Panxón- comprendo que veña, tamén, outro invasor detrás delas, a comelas. Dáme pena, claro, polas poucas e exóticas palmeiras dos pazos, dalgún parque, pola tristura dos donos vellos, pero alégrome polo exceso actual.

En fin, neste mundo da vella globalización vexetal -arroz, patacas, tomates, café, tabaco...- e mineral -mármores de Carrara, ouro das Médulas, California ou Sudáfrica, diamantes de Liberia, esmeraldas de Colombia, petróleo de Iraq...- parece que a globalización de insectos de arestora -cousas dos barcos e avións movéndose por todos lados- molesta especialmente e é potencialmente moi perigosa. Trátase de “avespas asiáticas”, de “bicudos vermellos”, de “carrachas asasinas”, ou de “formigas arxentinas” -esas pequerrechiñas marróns que están xa en todas partes. E como os insectos son miríadas, son moi malos de combater. Vannos acabar comendo.

Lembro un día que cheguei nun avión de Buenos Aires ás cataratas do Iguazú, e antes de baixar do avión, entraron uns homes vestidos de branco e máscaras -tipo limpadores de praias do “Prestige”- a fumigarnos alí dentro. “É para impedir que chegan aquí insectos de Buenos Aires”, informáronnos. Daquela parecéronme uns esaxerados. Hoxe non sabería que dicir.

Te puede interesar