Opinión

Inxustiza da igualdade

Efectivamente é moi inxusto tratar igual ao desigual. Respectar aos animais? Si claro. Pero desde logo cómpre ter un trato distinto coas nécoras a cos cans, e non fai falta que me explique moito: cocer vivo un can sería cousa de delincuentes sádicos, etc. pero para as nécoras, probriñas, é o seu. Outro exemplo menos grimoso: as bolsas ou becas escolares hai que darllas a quen as necesita e non a quen non as necesita. Non se lle pode dar diñeiro ao fillo do rico como ao fillo do pobre. Obvio. Do mesmo xeito, hai que darllas aos que as aproveitan e non aos que non as aproveitan. E sen saírmos do ensino, nestes tempos en que se fan visibles os ecos e arrastres da aplicación do famoso Plan Boloña das universidades, pois é bo ver os pros e os contras da afectación á vida estudantil, sobre todo tendo en conta que este ano 2018 é o último en que existe convocatoria de setembro nas probas de acceso á universidade, en Galicia, que noutros sitios xa non a hai. 

Saben que un dos efectos máis disruptivos na vida cotiá dos estudantes universitarios do famoso Plan foi o teren as materias divididas por cuadrimestres. Así, fóra as cualificacións rutineiras, hai exames en xaneiro -co que se amolan as vacacións de Nadal- para a primeira fornada de materias, e entre finais de maio e principios de xuño para a segunda. E logo, como saben tamén, a finais de xuño e principios de xullo, fanse os exames de recuperación das materias suspensas dos dous cuadrimestres anteriores -potencialmente o dobre de materias que no vello sistema-, en vez de setembro. Isto mesmo, os exames de recuperación antes das vacacións de verán, acontecerá para o vindeiro curso xa no 2º de Bacharelato en Galicia, e non sei se tamén en primeiro de Bacharelato e na ESO, como xa acontece noutras comunidades autónomas.

Ben. A primeira vantaxe é para os malos alumnos da ESO e Bacharelato, pois diminúen as ferramentas de presión na casa fronte aos nugalláns. Nada de oír a ladaíña materna “castigado nas vacacións”, “estuda, ou non saes”, etc. Colateralmente, as academias, e os estudantes universitarios que aproveitaban para darlle clases aos alumnos suspensos durante os veráns, sen exames á vista, quedan sen choio e sen un ingreso que lles viña ben. Terceiro prexuízo, algúns alumnos voluntariosos pero con dificultades na Secundaria deixaban dúas ou tres materias para a convocatoria de setembro e ao longo dun par de meses de esforzo extra, xullo e agosto, preparábanse para superar o que non deran feito á primeira. Isto tamén afecta, e en maior medida, aos universitarios de carreiras difíciles -digamos, por exemplo, Arquitectura ou Matemáticas- co agravante de seren moitas materias de matrícula obrigatorias e máis caras nas sucesivas convocatorias. O de que sexa máis cara a segunda convocatoria que a primeira e a terceira que a segunda, é moi razoable para moitas carreiras, pero menos para outras onde a media de tempo investido para rematalas está ben máis alá dos catro anos teóricos e habituais nas fáciles.

En fin, unha vez que as universidades fan os exames nas datas que os fan, era imprescindible que se fixese o mesmo o segundo de Bacharelato -e por arrastre o primeiro e, se cadra, na ESO-, para que non se produza o disparate de estárense examinando de setembro e das PAUS ou ABAUS, os de segundo de BAC, xa comezada a actividade na Universidade.

En fin, feliz agosto para todos os estudantes. Merézano máis ou merézano menos. 

Te puede interesar