Opinión

Irene Montero e a voz portavoz

Opinión

Irene Montero e a voz portavoz

Pois aínda que non o pareza, creo que coa ocorrencia de Irene Montero todos gañamos. Vexan, senón. Os de Podemos encantados porque falan deles. Os do PSOE encantados porque xogan ao arrimado e así achegan as forzas da esquerda cunha cuestión simpliña. Os do PP encantados porque pensan que os de Podemos e os do PSOE xa se retratan a si mesmos e cren que lonxe do sentir maioritario dos falantes. A xente do común, encantada porque ten motivo para botar unhas risas ou xogar a argumentar sobre unha trapallada. Os columnistas dos xornais, felices, ante un tema faciliño e de sorrir. Non sei se o Sentido Común estará contento, pero no fondo, como saben, ese vello señor bátese en retirada. Ou en desbandada. 

Pero a min, que queren que lles diga, nin me sorprende nin me parece mal. Xa un está afeito. Que todos opinemos de todo é boa cousa, de respectarmos o principio da autoridade científica: lingüística, no que se refire á lingua; deportiva no que se refire ao deporte; médica, no que se refire á sanidade, e da Garda Civil de Tráfico no que se refira á circulación por estrada. A cousa non lles parece ter moita ciencia: o que sabe sabe, e o que non non; sempre foi así e sempre será. As ocorrencias son fermosas para a arte, para a literatura, para o humor, pero non para a xestión do colectivo. Entendo perfectamente que a cidadá Irene Montero solte o primeiro que lle pasa pola cabeciña sen o preciso filtro, con esa confusión dos desherdados da preparación, de confundir o propio “ónfalos” co do mundo, pois gáñase a vida tan falando que ningunha referencia topei a ningún traballo exercido por ela, fóra da cháchara política. 

E creo que cando Irene Montero di “portavoza” está no seu dereito, pois o único problema son os límites do sentido común. Se empezamos confundindo xénero gramatical e sexo e admitindo o feminino para neutros latinos -xuíz, presidente- por que non noutros como cantante, paciente ou o propio portavoz? Se cadra, de moito repetilos, poden coller carta de natureza e ingresar, aínda con reparos, como “presidenta” no da dicionario da Academia Española. Tempo ao tempo.

Permítome lembrarlles, porén, que “voz” é palabra gramaticalmente feminina -a voz- como moitísimas que rematan en -z (matriz, directriz, raíz, infeliz, vez, candidez, bisoñez, ridiculez, etc.). Daquela a redución do feminino á paixón excesiva pola letra a final (chamémoslle “afilia”) é mostra de cortedade. Na súa lóxica disparatada, portavoz masculinizado debería ser “portovozo”, pero nunca feminizar unha voz de raíz feminina. En fin, nunca un electricista galeguista, dereitista ou comunista, se vería afectado por unha “ofilia” semellante e nunca reclamaría ser electricisto, etc.

Así eu recomendaríalle á cidadá Irene que levase a cousa máis alá. Por exemplo, o número “dos” ten en castelán apariencia masculina: deben copiar do galego e distinguír “dous” de “dúas”. Dicir, por exemplo, “dos niños, doas niñas”. E xa de postos, cuatras niñas, etc.

Ademais, o seu apelido podería ser “Montera” pois podiamos imitar aos rusos e distinguir os fillos (Paulov) das fillas (Paulova). Ademais, Irene, mmmm, remata en é, ou sexa ten o xénero tan ambiguo como presidente. Daquela, mellor aplicar “afilia” e dicir Irena, para que non houbese dúbidas: “Irena Montera, unha carga pública de Podemos en Madrid”. 

O do demo, o ocio, as moscas e o rabo, xa saben.