Opinión

Israel e nós, 2017-2018

Hai anos preguntáronlle diante miña a un agregado da embaixada de Israel en España se fora visitar Auschwitz cando estivera en Polonia e dixo que non, que entendía que houbese xente que lle interesase, pero que el só quería mirar para adiante e, na medida do posible, vivir con normalidade o presente e o futuro no seu país: un país occidental situado nunha terra dura e complicada, e non vivir das lembranzas horrorosas do tempo dos avós. Lembreime del aí atrás, por ser o día do Holocausto o 27 de xaneiro e pola viaxe do presidente Núñez Feijoo a Israel en misión comercial. Entendo que o agregado estivese farto de que todo o mundo lle andase sempre preguntando do mesmo cando el quería vender relacións universitarias, comerciais, tecnoloxía, cine, arte... pero creo que é necesario que o paroxismo do odio cultivado e mimado desde o liderado social non se esqueza, pois o esvaecemento da memoria fai que os xuncos cos que se tece a realidade nazan fráxiles e viradoiros. Unha cousa é un conflito por motivos de terra, auga ou relixión, cousas máis ou menos entendibles, aínda que, obviamente, rexeitables, e outra é o exterminio sistemático, planificado, industrial, de millóns de persoas por seren dunha determinada etnia, cultura ou relixión. Así pois, sen obsesións, é bo lembrar iso nese día e procurar que non renaza a vella hidra antisemita, agora non xa da man da inquisición ou dun defunto nazismo, senón doutros totalitarismos que nos espreitan, e digo ultraesquerda e digo islamismo radical. 

En fin, creo que no medio dos desacougos tamén houbo boas novas nesta vella terra de tolerancia e agarimo. Gústame evocar abril de 1442: o concello volve contra os homes de Pedro Díaz de Cadórniga e o bispo de Ourense directamente os excomulga por teren arrasado a sinagoga dos xudeus da cidade, a que estaba na actual rúa Lamas Carbajal. Todo un exemplo de defensa dos veciños. En fin, nos últimos dez meses, o intercambio entre as administracións galegas e israelí avanzaron moito. Lembremos que en abril pasado, o embaixador de Israel, sr. Daniel Kutner, visitou a nosa Terra e mantivo contactos aos máis altos niveis -e foi recibido na presidencia da Xunta e do Parlamento- así como en distintas alcaldías, entre elas a da cidade de Ourense, e con representantes do mundo empresarial. Pero para que as cousas vaian alén das palabras, avanzouse en contactos máis fondos. En maio, unha embaixada ourensá, institucional, académica e empresarial, co presidente da Deputación á cabeza e que contaba co vicerreitor do Campus, o xerente do Inorde e xentes do máis destacado do mundo das empresas locais, visitou Israel en misión de exploración e achegamento. Agora terán que vir os froitos para que as faíscas dos inevitables foguetes que son estas visitas, aviven o lume dunha colaboracións que xa inclúe a 11 empresas ourensás. E agora, a semana pasada, foi o presidente da Xunta, xunto co conselleiro de Economía, en misión estritamente comercial, a explorar asuntos de interese mutuo e aproveitou para honrar no nome de Galicia, no Yad Vashem, aos millóns de mortos pola loucura nazi.

Si. Que nun ano o embaixador sexa recibido polo alcalde, polo presidente da Xunta, polo do Parlamento, e que visiten Israel o presidente da Deputación e o presidente de Galicia, fala dun bo ano para os amigos da paz e das relacións e entre dous pobos situados nas estremas do vello mundo, occidental e oriental, e con máis cousas en común das que pensamos. 

Te puede interesar