Opinión

Julio Dorado, o máis grande

Julio Dorado publicou un dos máis emotivos artigos que eu lin na miña vida, o pasado venres, neste xornal. Se non o leron, búsqueno. Atallando: vén el despedirse porque o cancro o corroe e xa non ten forzas para seguir escribindo. Téñolles que dicir que non é a primeira vez que digo nestas páxinas que Julio Dorado é a mellor pluma articulista que ten este xornal. Se cadra por iso de que o seu, pluma ou avión, é andar polas alturas. Digo ten, e, se lle facemos caso, tiña. Aínda así, a min gustaríame que a Parca pensase que ten traballo sobro nestes tempos, e que pode deixar en paz de momento a Julio. Todos habemos marchar na súa compaña, é certo, pero dado o moito que pelexou con ela, era boa cousa que lle dese unha prórroga -outra, si- de cortesía ao inimigo. E así todos poderiamos seguir respectando a ambos, e mesmo, na proximidade de corazóns, seguir co relato do combate. Forza Julio.

 O seu estilo libérrimo, a narración imaxinativa, o relato por veces simpático, pero nunca por iso menos fondo, das voltas que lle deu a vida e das que el á vida lle deu foron a clave destes artigos marabillosos, a mellor compañía que puideron ter os lectores deste xornal durante uns minutos, durante uns anos. Di el que contando anécdotas a calquera lle parecería que viviu dous séculos. Falso. A maior parte das persoas non terían que contar a metade ca el, aínda que tivesen estado presente cando Pilatos amnistiou a Barrabás. Porque entre as persoas que ven pasar a vida como espectadores dunha película non está Julio Dorado. El é protagonista. Principal ou secundario. Segundo cadre. Pero sempre activo. Pero se é un luxo vivir varias vidas nesta vida como el viviu, para os lectores deste grande articulista, a marabilla, o que nos fai un pouco máis felices se o lemos que se non o lemos, é que o saiba dicir tan ben... Nótaselle, como aviador, a necesidade do traballo fino, a artesanía precisa e preciosa, o saber escoller palabra axeitada, o ritmo adecuado, o vocabulario certeiro de calquera rexistro -desde o latinajo a conto, de sabor culto e relambido, á impostación epatante de soft grosería integrada-. Nótaselle, en fin, o traballo de ourive para ocultar o traballo de fundición. 

Escribir como quen come pan, dicía Cunqueiro. Pero antes hai que amasalo, deixalo levedar, enfornalo, e isto non o dicía o de Mondoñedo. En fin, como en toda boa obra de arte, como nos teus artigos, querido Julio Dorado, o bo é que saen limpos, sen ruído, sen néboa, sen nubes, sen reviravoltas artificiosas. Sempre se entende á primeira o que dis. Sabes que o fundamental é economizar combustible para chegar máis alá. Unhas veces, sobes a tensión da narración e despois déixala atenuarse pouco e pouco, planeando ata chegar a unha aterraxe perfecta. Noutros artigos buscas decidido as turbulencias e méteste nelas de cabeza, coa pluma, co avión, sen medo, como este último; para axitarnos dun lado a outro, para que espertemos da modorra do viaxeiro transatlántico acomodado en bussiness despois do enésimo whisky de aburrimento. E dásnos opinións lúcidas e libres de quen non quere gañar máis que a inmensa satisfacción de saborear a liberdade e dicir o que che peta. 

Canto vou botar de menos esa frescura, esa correctísima incorrección, Julio! Si. Outras urxencias que tiveches seguro que te apartaron dese libro de artigos, tan necesario -hai que facelo xa- para que os novos saiban como se escribe ben. Para que volvamos gozar todos. Para que a túa escrita se eleve de arte efémera a texto de referencia. Desde logo, este teu último -last but not least, I hope- artigo ten madeira para figurar en todos os manuais do xornalismo literario do mundo. Unha aperta Xulio. E aquí ou alá, xa nos veremos, mestre.

Te puede interesar