Opinión

Lembranza dunha visita escolar

Lembro a data coa precisión difusa que adoitamos ter os profesores: foi no curso 1983-84, na primavera. E seino seguro porque exercía de docente nos Salesianos de Ourense, naquel meu primeiro e último curso no centro. Á parte Lingua e Literatura Galega, daba clases de Ciencias Sociais en segundo da ESO. E como tiña ese impulso de quen empeza e como os directivos eran todo apoio ás iniciativas dinamizadoras, estiveron de acordo nunha saída que, sen ningunha complicación, organizaba eu co grupo ó que lle daba clases. A cousa máis fácil non puido ser. Chamei ao cuartel por teléfono e comenteilles que quería subir coa alumnos ver o claustro. Pasáronme a un mando dun departamento que me parece se chamaba RES -Recreo y Educación del Soldado-. Todo foron facilidades. Así que a tarde do luns sinalada, collín aos alumnos e subimos a costa toda, dos Salesianos ao Cuartel. Alí con suma dilixencia e amabilidade pasáronnos ao Claustro. Acompañábanos o mando en cuestión quen nos repartiu unha folliña feita para as visitas, cunha relación de datas e datos en relación ao Claustro e explicounos con frases rotundas e simples, o espazo. Eu, comentáballe o inmaculadamente coidado e limpo que o tiñan, e o mando explicoume a causa: 

-Os soldados que están arrestados, límpano e várreno. 
E eu, inxenuo, preguntei:
 -E se xa está limpo e varrido? 
O mando, sorrindo, dixo: 
-Iso non importa: eles teñen que limpar e varrer igual. 
Eu, compresivo, devolvinlle o sorriso.

Aos poucos días Enrique Bande, seguramente celoso de que non lle encargasen a el o folletiño que distribuían ás visitas, denigrouno nun artigo no xornal: que se non era científico, que se era pobre, que se tumba que se taramba. Eu, amolado, mandei unha carta ao director de La Región sinalando que o folleto era o que era, unha modesta mostra de vontade e amabilidade cos visitantes, que o claustro estaba marabillosamente atendido e que en ningún caso se debía falar mal dun esforzo positivo e desinteresado no tema, e a verdade, prestoume. 

Poucos anos despois, en 1987, marcharon os militares e aquel espazo caeu en máxima desgraza: abandono e ruína durante décadas. Como detalle curioso, lembrar -hai por aí vellas fotos- que sobre as vidrieiras -ou vidrazas, por palabra menos usual hoxe- que dan ao claustro, xunto cos escudos das provincias de Galicia, no portón grande que comunicaba cunha parte do cuartel, sobresaía un escudo de España coroado -ou sexa da época da II República- e que, patrimonio do lugar, nunca fora removido do sitio. O guía comentáranolo de pasada e con asepsia: 
-Aí, os escudos das provincias de Galicia e, sobre a porta, o escudo de España da época que se fixo a vidrieira. 

Moito me lembrei destas dúas cousas nos anos de abandono do espazo. E por fin, cando se restauraron, non hai tantos anos, directamente suprimiuse un escudo do que xa non se conservaban restos. Se foi porque descoñecían que existira, se foi porque non consideraban conveniente repor o vello escudo republicano, se foi porque tampouco consideraron conveniente colocar no seu lugar o escudo hoxe vixente, non o sei. En calquera caso, son estas só un par de lembranzas que me comprace compartir con vostedes, nesta circunstancia feliz de recuperación do vello cuartel de San Franciso para a cultura, para o Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Outra xoia, coma o Claustro. Estamos todos de noraboa. 

Te puede interesar