Opinión

Lentes perdidos

Agora no verán, os maiores, cortos de vista, coa presbicia propia da idade, e para defenderse da claridade excesiva, adoitamos andar ata con tres pares de lentes. Ou sexa, uns de lonxe, outros para preto e outros para sol. Si, xa sei das progresivas. Pero tres é un bo número. Os lentes, así digo eu, así dicimos nós, en masculino plural, para referirnos á popular axudas á visión e distinguilos das femininas lentes das cámaras de fotos, dos microscópios, etc. Os portugueses chámanlles, como saben, óculos, de orixe transparente, e os casteláns usan unha palabra catalana “gafas”, que significa na lingua orixinal ganchos, pola forma de cada unha das partes. Eu prefiro a forma galega tradicional, os lentes, para o popular e incluír como sinónimo culto “óculos”. E gafas, se queren tamén. O caso é entenderse.

En fin, que ao que ía, con tras pares de lentes, seguro que vostede perdeu algún algunha vez. É máis, teño a idea de que inda que non tivese máis que dous pares, ou incluso un, as posibilidades de que ao longo da súa vida perdese un par ou máis son altísimas. E podería chegar a pensar que se vostede me di que nunca perdeu ningún par, non é que sexa a marabilla da orde e do método, senón que simplemente é un mentirán. O que ten boca equivócase e o que ten lentes pérdeos. Sen máis.

E estaba pensando en ir patentar, pero non sei como se fai, un sistema case infalible contra a perda. Mellor dito, unha axuda radical á súa recuperación. Partamos do feito de que a maioría da xente é boa e quere axudar aos demais. Por iso na policía local hai miles de millóns de pares de lentes en busca de dono. Se cadra esaxero, pero centos, si. E como o tema das gradacións da vista e a distancia entre o punto central dos ollos, etc. é como é, non parece fácil que uns lentes que un topa lle acaian perfectamente. Iso tamén contribúe a ese “ben facer” para as devolucións.

Pois ben, creo que cuestión podería ser ben simple, e xa está experimentada, polo menos por min. Coñecen eses números que se lles gravan aos cristais dos coches como sistema antirroubo? Pois estou seguro que se unha óptica ou megacompañía desas de franquicia por todos lados, se lle ocorre, como servizo complementario á venda de lentes, gravarlle pola parte interna da patilla dereita, por exemplo, as iniciais e un número de teléfono (tres letras e nove díxitos precedidos polo símbolo dos teléfonos) pois ben fácil sería devolvérllelos ao dono. Que hai pouco espazo? E logo hai moito no interior dos aneis dos casados? É cuestión de poñerse a elo. Creo que a maioría estariamos encantados de recibir unha chamada do tipo de: “Ola bos días, é vostede AVM? Seica esqueceu aquí os seus lentes onte á noite, porque os topamos ao limpar por riba dunha mesa...”.

A cousa non ten moita ciencia nin moito percorrido. É cuestión tan simple e de lóxica, como poñérenlles rodas ás maletas. Agora vendo aqueles maletóns cos que andabamos non hai tantos anos, non nos explicamos como a ninguén se lle ocorrera antes. Incas e aztecas, que sabían moito de astronomía e matemáticas, non descubriran a roda. Pois eu créolles que é algo parecido. 

Hai moitos anos, nuns lentes de pasta, graveilles o teléfono e enchino con típex. Números brancos con apariencia profesional. E saben o que pasou? Pois que foron os únicos lentes que non perdín na miña vida. Xa ven, cousas que pasan. 

Te puede interesar