Opinión

Os límites das liberdades

Sempre houbo problemas cos límites. Que se Alsacia e Lorena era de Francia ou de Alemaña. Que se o marco aquel estaba antes aquí e agora, oh!, está alá. Que se La Cordorniz publicaba aquel chiste que non lles chistaba aos que mandaban e secuestraban a revista. Que se ía a 64 km/h en vez de a 60 e caeu unha multa na recta de Quintela. En fin, os límites sempre incordiando. E todo está segundo desde onde se mire. Para os franceses sempre estivo claro que Alsacia e Lorena eran francesas. Exactamente igual de claro que tiñan os alemáns que era deles.

Aos que publicaban La Codorniz non lle parecían fóra do razoable a broma pero aos que mandaban, si. E a verdade, para o garda civil, eses 64 por hora facían que tivese que multar, pero intimamente estaba de acordo en que tanto tiña 60 como 64. Se cadra por todo isto, un dos problemas esenciais da democracia é sempre o marcar ben os límites entre os dereitos dos cidadáns. Xa se sabe a máxima de que os dereitos de un chegan ata onde empezan os dereitos dos demais. E para isto cómpre un árbitro que, socialmente, chamamos xuíz.

Pero é mellor recorrer pouco a eles, pois teñen a pexa de que en vez de aplicar o razoable sentido común, deben rexerse, desde os tempos dos romanos, polo dereito escrito, polo que di nos papeis que está ben ou mal. E claro, non pode haber tanto papel para tanta situación concreta. 

E estes días andan varias cuestións de límites, de lindeiros, na prensa. Todas semellantes: nos marcos entre a liberdade de expresión e a ofensa a terceiros. Seguramente coñecen vostedes mellor ca min os casos, pero lémbrollelos. No carnaval de Tenerife, nunha festa de transformistas, un homiño disfrazouse de Virxe e logo de Cristo e gañou un premio. Noutro caso, un autobús co lema “Los niños nacen con pene, las niñas con vulva. Que no te engañen” pasaba por Madrid. E no terceiro, un atronado deputado polaco teimaba en que as mulleres deben cobrar menos porque son menos fortes e intelixentes. Poden os tres facer e dicir tal?

Empecemos polo carnaval. Deben existir límites no desenfreo dese tempo? Por suposto. Non podes ir por aí agredindo na xente ou vomitándolle encima. Vale? Nada de violencia física. E psíquica? Tampouco, claro. E no respecto ás ideas dos demais, onde está o límite?  Podería, por exemplo, ir un home, látego en man, disfrazado nunha carreta tirada por mulleres a catro patas? E se fose unha muller e catro homes? Que pasaría no Carnaval de Tenerife se en vez de vestirse de Virxe e de Cristo o fixese de Mahoma? Clamaríase igual pola liberdade ou falaríase de “provocación innecesaria”?  Como é obvio, non hai respostas absolutas. Pero a moderación é boa conselleira sempre. E creo que prestarlle excesiva atención a certas transgresións cretinas vai en beneficio do transgresor. Ou sexa, pásase do ridículo do maleducado ou do estúpido, que son categorías humanas existentes, ao de potencial vítima.

E cos outros dous casos, parecido. Saber do bus do pene e vulva e que había un polaco medio tolo elixido polos seus veciños para Europa, non me fixo máis feliz. Bendita lousa de silencio e látego de indiferenza,  esmagadora de vulgaridades, provocacións e toladas. Mellor non entrar como touros a trapos vermellos. Hoxe, felices eles todos tres. Propaganda gratuíta.

Te puede interesar