Opinión

As linguas nunca foran o problema

O tema é complicado e malo de resolver porque as cousas que teñen que ver con sentimentos non acostuman entender de razóns. E como os sentires evolucionan co tempo, o que antes nos parecía bo, logo nos parece ruín, e unha vez afincado un sentimento, é difícil, moi difícil de cambiar. E si. A cuestión da linguas en España, perdoen o exabrupto, está moi emputecida, pois estanlle facendo xogar ás linguas o papel de elementos ideolóxicos centrais de identidades cohesionadas e unívocas, en vez do único que lles é propio: seren vehículos de comunicación, entendemento e recreo entre os seus falantes.

E as linguas, a súa diversidade, liberdade e dereitos, ben xestionados, non causa especiais problemas, que, en calquera caso, compensarían coa riqueza cultural, persoal e económica que producen. Vexan senón o sempiterno exemplo suízo. Uns poden falar alemán, sobre o 72 %; outros o francés, sobre o 21 por cento; outros italiano, sobre o 4,5 %; outros romanche, sobre o 0,6... e no país, un 9 % fala linguas non “nacionais” pois hai un 20 % de moradores inmigrantes sen nacionalidade suíza. E máis de un terzo recoñece usar o inglés polo menos catro veces á semana. En fin, os nosos paisanos en Xenebra aprenden francés e os que van a Zurich, alemán. Pero non todo tan fácil aquí como na Suíza construída desde hai séculos nos únicos piares do respecto e o consenso. Din eles que son a Willensnation -nación por vontade- e o seu idioma principal, a conciliación. Pero tamén hai experiencias na Europa culta que van mal. A división social radical en Bélxica entre os de fala valoa -francesa- e os de flamenga -holandesa- é enorme e evoluciona a peor. Sen o cemento europeo veríanse máis gretas. En fin, creo que cando se encirra a cuestión identitaria sae a vella realidade de sermos os mamíferos animais territoriais, exemplificados, en exemplo inocuo, no berro das liortas nas festas do rural galego de comezos de séculos XX de “Vivan os de Lalín, con razón ou sen ela”, ou como exemplo abominable, no xenocidio de Sbrenica en 1995.

¿En que contexto colocamos que o que a uns lles parece un agravio -que lles fagan ter un 25 % de aulas na lingua, digamos, convidada nese territorio- a moitos en Galicia lles produza unha envexa saudosa polo 75 por cento incuestionado? Pois creo que no da non resolución da cuestión da identidade histórica de España, e nin da tensión entre esta e as identidades internas en todo o XIX e XX; nin sequera no tempo do advento da democracia, que foi cando máis preto estivo. E creo que foi debido a unha fonda falla bilateral de lealdades que fixo difícil asumir con normalidade moitas cousas do pasado común por unha banda e que a diversidade, enriquecía, por outra. Por exemplo, na expansión mundial hispánica participamos todos: Conquistadores extremeños, como Pizarro ou Hernán Cortés; navegantes vascos, como Elcano ou Garay ou galegos como Ocampo ou Xoan de Novoa, ou portugueses como Magallaes; misioneiros cataláns, como Frai Junípero Serra ou ourensáns como o Beato Sebastián Aparicio, cronistas galegos, como Vasco de Lobeira, e un longuísimo etcétera. En fin, a xesta hispana no mundo, é algo colectivo e, digamos, fundacional da España e Portugal modernos, no senso dos séculos XVI-XIX, e a súa reivindicación desde a periferia non foi pouca no século XIX e inicios do XX. Lembremos depois d’Os Lusíadas, de Camoens, o poema Os Eoas de Pondal, ou as Oda a Espanya e Viva Espanya de Joan Maragall. Pero esa visión maragalliana do orgulloso traballo para a suma diversa e o cambio de mentalidade central en España, perdeu a partida dentro do catalanismo actual, envorcado na vontade da resta dun conxunto pouco disposto a moverse dunha sensibilidade centralista, encirrada, tamén, con pedagoxía, da mala.

Te puede interesar