Opinión

Lingüística pragmática e política

Do mesmo xeito que a relación entre os individuos nunha comunidade se rexe por unhas normas de convivencia social, tamén a linguaxe incorpora normas que regulan tal interacción. O dominio práctico destas normas de linguaxe adecuadas ao nivel, contexto e situación que se presenta ante o emisor favorece o éxito comunicativo, ou sexa favorece o aspecto máis pragmático e útil da lingüística: que os demais entendan a mensaxe e que valoren, mensaxe e mensaxeiro emisor, de xeito positivo. Porque é claro que a comunicación interpersoal é unha sucesión de intercambio de ideas na que tratamos de que os demais fagan o que queremos... Pásasme o pan? Imos dar unha volta? Baixas o lixo? Pode baixarlle o volume á música?

E dentro desta rama da lingüística hai autores que reflexionan sobre o que chaman a “teoría da cortesía”, isto é a forma lingüística e conductual para suavizar os roces da interacción social. Si. Sabemos que os coches funcionan cun combustible que lles dá forza no motor, pero é imprescindible o aceite, algo que faga que as pezas móbiles rocen o mínimo, que suavice o movemento dos pistóns e retire os residuos de carbón que a combustión xere no motor. Todos sabemos que se o motor queda sen aceite, por moita gasolina que teña o motor e auga o radiador, arde. 

Chegados aquí, creo que cómpre baixar os octanos da gasolina do mundo da nosa convivencia política actual e, desde logo, cambiar un aceite escuro, mesto, cheo xa de porcallada. Os profesionais -e comunicadores oficiais- da política, e non só da política, pero fundamentalmente eles polo papel de representación pública e, daquela, de síntese e exemplo para as vontades colectivas, deben tratar de coidar ao máximo os discursos, sabendo que existen situacións comunicativas de distinto grao de confianza nas que poden e deben usar unhas formas e expresións e outras, nas que non. Un exemplo. Se lle dixese á pulpeira -pulpeiro, máis ben- o domingo, na esquina correspondente: “A porción de cefalópodo fervido que lle solicito, por favor, non ma complemente con exceso de cloruro sódico”, arregalaría el os ollos de cuarta e pensaría mal de min; chamaría eu a atención del e dous outros clientes, e non sería, desde logo, para ben. Todos sabemos que o lóxico, o normal, nesa situación comunicativa sería dicir: “Por favor, non me lle bote moito sal ó pulpo” e acabar cun “graciñas” a conversa. Tampouco valería, por razóns obvias, un “non lle botes moito sal ó pulpo, cona!”. Hai que saber estar.

En fin, a utilización dunha linguaxe coidada (ti e vostede, uso de tacos, ditos vulgares...) non son potestativas do individuo, están marcadas polas normas de convivencia social, pola educación, polo nivel e pola adecuación á circunstancia. A transgresión constante destas históricas inercias sociais e culturais, a relativización de todo, faime imaxinar a un alumno que, cheo de razón para si, dixese: “Eu escribo ‘oxe’ sen hache; enténdese igual, así que se ti queres ponllo, eu non”. 

Certo que os modelos de relación evolucionan, pero certo, tamén, que os coches eléctricos seguen precisando refrixerantes e aceite, para lubricar os piñóns e transmitir a enerxía do motor ás rodas. 

Te puede interesar