Opinión

Mal exemplo

Dicía Rubalcaba, o bendito Rubalcaba, como estes días aí atrás tanto se lembrou, que “en España se entierra muy bien”. Si, efectivamente. Somos especialistas en gabar defuntos e facer haxiografías, confundido a vida de famosos mediáticos coa dos santos, como exemplos. Dito isto, sinto moito a morte de J.A. Reyes, futbolista. Pero máis sinto que non se matase indo el só. Porque o feito de que sexa coñecido por moita xente -eu non estaba entre eles, pero tanto ten- non o exime, en absoluto, do delito que ía cometendo, do grave risco no que puña a todas as persoas que con el se cruzaban e, por suposto, de ser o causante activo da morte do seu primo e das graves feridas do outro que ía no coche. Non. De sobrevivir, debería ingresar en prisión. Non pode haber esa tolerancia e flexibilidade, ese enxalzamento da figura do futbolista, querendo separar unha cousa, a súa vida deportiva, da outra, a de crápula. Non; é tremendo o mal exemplo que se lle dá á xuventude, gabando ese tipo que gañaba a vida a patadas cunha bola de aire e coiro, e que trucaba un Mercedes S550 para andar a 237 polas estradas. Pero isto dos accidentes de famosos mortos no asfalto e das distintas varas de medir ou pesos de pesar non é cousa nova... Lembro a repercusión mediática que tivo, fará trinta anos en decembro, a morte do baloncestista do Real Madrid Fernando Martín, outro que tal bailou; daquela, creo, era noivo de Ana Obregón. E claro, moita menos transcendencia tiveron na prensa as gravísimas feridas e secuelas que padeceu Ricardo Delgado Cascales, o honrado traballador dunha empresa de reparto contra o que se espetou o xogador e que xamais -iso é un home- non quixo falar con ningún medio de comunicación para aproveitarse da desgraza. 

O problema, claro, é que uns rapaces con escasa formación persoal e humana deben tratar de xestionar unha fama intoxicadora e uns recursos económicos disparatados e para os que nos están preparados. E o primeiro que se lles ocorre, en xeral, son coches e casas grandes e todos os excesos posibles... Como ao millonario da primitiva de Riós que tamén acabou mal. E, pode, tamén, si, que fagan algunha caridade chamativa. Por exemplo Cristiano Ronaldo regalou un reloxo Bulgari personalizado a cada un dos compañeiros con que conquistou a décima Copa de Europa para o Real Madrid, en 2014, a 8.000 euros por peza. Pero nunca nada solidario no xeito reflexivo, estudado e valorado de Amancio Ortega. Estes futbolistas son máis da coba, de que lles fagan estatuas, como a que ten o devandito en Madeira. E si, o comportamento destes rapazolos é o que máis lles convén, tamén, aos que os manipulan como marionetas levándoos dunha sesión de gravación dun anuncio de promoción da ludopatía entre a xuventude a outro de colonias ou a outro de calzoncillos. E aínda por riba, o tema dos partidos arranxados... Algo cheira a podre e non é en Dinamarca, precisamente. Non sei se viría ben pechar os estadios un par de anos...

En fin, ós que máis se prepararon, tipo Valdano, Amancio, Butrageño, non lles ferveu tanto a cabeza. Tampouco ó dianteiro, ídolo do Real Madrid nos anos vinte, Juanito Monjardín, axente de bolsa, e que decidiu deixar o fútbol cando empezaron a pagar: pensaba que o deporte perdía esencia. Aínda así, tamén se matou nun accidente de coche, volvendo dunha cacería, petando contra un camión parado, en 1950. Hai para todos. Meigas fóra.

Te puede interesar