Opinión

Malos tiempos para la lírica

Cando German Coppini compuxo a letra de “Malos tiempos para la lírica”, estaba moi lonxe de supor a repercusión que tería. E se Bertolt Brecht cando escribiu o poema que lle prestou o titulo a Coppini pensaba nos tempos do ascenso do totalitarismo en Alemaña e do susto que lle producía do “pintor de brocha gorda” como lle chama a Hitler no propio poema, Coppini pensaba naquel 1983, se cadra, na perda de ilusión que despois da intentona golpista do 23 F se estendía entre sectores da mocidade entre os que estaba el. Si, daquela xurdiu o termo “pasota” e o “pasotismo” como mostra de poñerse a un lado do compromiso politico-social que marcara as décadas precedentes. O caso é que grazas a Golpes Bajos, a frase de “malos tiempos para la lírica” espallouse e popularizouse para definir calquera situación que se complica e na que a esperanza, como no poema de Brecht, parece desaparecida. E permítanme, pois, lembrarlles a primeira estrofa do tema: “El azul del mar inunda mis ojos,/ el aroma de las flores me envuelve,/ contra las rocas se estrellan mis enojos/ y así toda esperanza me devuelve:/ malos tiempos para la lírica”.

E si. Unha vez máis estamos en “malos tiempos para la lírica”; tempos ruíns e avoltos para a poesía, que é como dicir para os sentimentos que inspira o azul do mar que asolaga os ollos os o arrecendo das flores. Pero que sexan ruíns para a lírica non quere dicir que sexan bos para a épica. Hai unha épica digna, de combate á enfermidade reinante que, efectivamente, amosa o mellor da vea popular. 

Pero ai da política! Non hai épica política, como foron, por exemplo, os estabilizadores harakiris da transición. As Cortes franquistas disolvéndose, o PCE e PSOE aceptando a monarquía parlamentaria e a bandeira bicolor. Só hai hoxe un espectáculo transparente do encadeamento de escándalos como forma de esquecer anteriores. Non importa nada se fractura o país e a convivencia. Córrese o risco dun novo pasotismo global, e pode derivar en desafección do sistema. Envexa do educado Portugal, vacinado de revolucións grazas a Otero Saraiva de Carvalho sobre a ditadura de catedrático de Universidade, alí onde hoxe a concordia se abriu paso como conveniente ferramenta de xestión da crise sanitaria.

Porque si, ás cousas á parte de ser certas, deben ser convenientes. Non hai que dicir todo o que se pensa senón pensar se é útil e conveniente dicir o que se sabe. Se soluciona máis problemas que os que crea. Non é segredo ningún que o pai de Pablo Iglesias militara no FRAP, como non é segredo que o tal grupo foi inspirado nos inicios dos setenta por un ex-socialista, nómade político, don Julio Álvarez del Vayo, rehabilitado a título póstumo en 2008 polo PSOE. Nin é segredo, tampouco, que militou nel outro nómade, o exconselleiro do PP valenciano, dos tempos de Camps e Fabra, Rafael Blasco Castany. Pero este con inda máis miga, porque despois do FRAP, PCE (ml), PSOE, PP, acabou no cárcere por corrupto. En fin, todo isto é certo, pero é disparate que os políticos ante remexendo neste bulleiro hoxe. 

Pouso, calma, tranquilidade. Se son “malos tiempos para la lírica” que non sexan tamén para a prosa e a casa suprema da palabra que é o Parlamento. Non gañan nada facéndonos sentir vergoña allea.

Te puede interesar