Opinión

Mao ten razón

Con este titular se cadra algún de vostedes pensa que me refiro ao “gran timonel” Mao Tse Tung, gobernante absoluto da China comunista entre 1949 e 1976, responsable dalgunhas cousas boas e doutras moi malas. Si. Mao gobernou con man de ferro, sangue e voltas e reviravoltas, pero non esquezamos que despegue do país ten que ver con seu sucesor Deng Xiaoping,pragmático ata o extremo, como vemos na súa frase máis famosa: “Non importe se o gato é branco ou negro, senón que cace ratos”.

Non. Non me refiro a ese Mao. Refírome a outro Mao. Noso. Con raíces, supoño, nas terras do sur de Lugo onde ten orixe o apelido Mao galego. Falo de Xoán Vázquez Mao. Na miña época de Santiago era un deses estudantes algo maiores ca min, referentes das actividades libertarias -xunto co Kukas/aos que todos coñeciamos de vista. Anos despois, recoñecino liderando na súa condición de secretario xeral o Eixo Atlántico. Este é, como saben, un organismo dedicado ó apoio e dinamización de todas aquelas iniciativas que fomenten a cooperación transfronteiriza. Na actualidade agrupa 38 institucións locais de Galicia e Portugal, todas as grandes cidades do NO e máis moitas pequenas (de terras aurienses, Ourense, O Barco, O Carballiño e Verín). 

Pois ben, leva vinte e catro anos traballando no tema, é unha persoa libre, independente -nunca indiferente- que sinala a continuidade do esforzo cooperador e racionalizador do espazo social e económico do NW ibérico, máis alá das alternancias e pequenos intereses políticos de cada momento. Desde a súa liberdade ten criticado, como calquera persoa do común, os dous portos exteriores de Galicia -Coruña e Ferrol- sen conexións ferroviarias, a multiplicidade de aeroportos, e esas cousas que parece vemos todos menos os que deciden. Pois o outro día comentaba neste xornal o tema da conexión entre Trás-os-Montes e a autovía A-52 con absoluta sinceridade e sensatez. Viña dicir, reinterpreto e afondo nas súas palabras, que é preciso que primeiro deben poñerse de acordo por onde se debe e como se quere facer a conexión. Logo decatarse que é moito mellor unha estrada convencional boa -tipo “vía rápida” ou así- que unha imposible autovía. Imposible porque que non hai masa de poboación que o xustifique. O tráfico sería só local, porque, alí ao lado, xa está a grande conexión de Verín-Chaves (sen esquecer a Bragança-Puebla de Sanabria que tamén están traballando na súa mellora). Imposible porque o impacto sobre un parque natural faría indesexable unha obra maior e xa sabemos polo do Gerês, que non son nada dados a mellorar as estradas nos parques. E tres, para que tanto gasto? De Vinhais a conexión da A-52 na Mezquita hai menos de 35 quilómetros, e para esa distancia o “aforro” en tempo entre ir a 120 ou a 90 por hora é ridículo: en vez de 18, 23 minutos. Ademais, as autovías son navalladas, sen conexión co lugar por onde pasan, non deixan un can. En fin, mellorar as comunicacións, sempre, por supostísimo, pero sen fumeiras electorais. 

Mao, Xoán Vázquez, acababa dicindo que primeiro de nada, levar a autopista de Celanova á fronteira. Iso, claro, foi o que máis me gustou. 

Te puede interesar