Opinión

Mapas e navegadores

Hai cousas que a informática acabará matando. Por un lado, pese a que de cando en vez se fale de revival, a música en formato dixital acabou coas casetes e LPs e singles. O ordenador, coa máquina de escribir. A información que anda na rede -tipo Wikipedia-, coas Larousses ou Británicas. A fotografía dixital practicamente fixo desaparecer os negativos e o revelado tradicional. Como vostedes saben que é tan certo como a secuencia evolutiva leiteira, bolsa, teatrabrik, moito non me terei que explicar. E nin sequera enredarei no tema de se os cambios son a mellor ou a peor, porque opinións haberá para todos os gustos e, incluso, terán algo de razón cada unha delas, aínda non que non a partes iguais, claro. 

Pero ben, ao que ía. Estes días aí atrás fixen case tres mil quilómetros en coche. Atravesei o subcontinente hispano de oeste a leste ata ver pórse o sol “ao revés”, isto é por terra estando na costa. E por primeira vez en viaxe longa, non levei mapa. Confiei no “navegador” do auto. A experiencia foi diversa. Como todos os usuarios saben non sempre están actualizados os mapas que usa a “señorita” que che vai dando ordes. A miña era especialmente parva: ás veces mandaba a torcer á dereita e había unha dirección prohibida. Outras dicía que había “en quinientos metros gire a la derecha e incorpórese al Apartado 65”, confundido a sigla AP de Autopista coa dun suposto “apartado”. Por non dicir as veces que mandaba a un dando voltas e reviravoltas. Sei dun que vindo de Santiago a Ourense fíxolle caso e saíu no Reino, baixou ata a gasolineira de Gustei, colleu pola vella ata Cudeiro e acabou polo Camiño Real abaixo ata a gasolineira do Velasco. Cousas de ter que escoller entre “máis curto”, “máis rápido”, “máis ecolóxico”, etc. En fin, axudar, axudan ,sempre que o humano teña clara a súa superioridade e a non obediencia cega á máquina. 

Pois ben, despois desta experiencia, creo na conveniencia de non esquecer o tradicional mapa de carreteras. Ten vantaxes. Primeiro, o condutor ten que consultalo co coche parado, tomando cun cafeciño, charlando sobre itinerarios e paradas, polo que non hai risco de distracción. E, ao ir en marcha, debe ser o copiloto o que manexe o mapa papel e vaia atento aos desvíos. E despois está o marabilloso mundo da papiroflexia. Dobrar un mapa de carreteras á primeira é máis difícil que sacar un máster na Juan Carlos I, e demostra unhas capacidades de observación inmensas: debe un reparar na profundidade e dirección das marcas de dobramento da grande sábana que é o mapa, estudar a sucesión de pregamentos, como se fosen cordilleiras alpinas, etc.; todo un exercicio de dedución e habilidade. Pero sobre todo, co mapa aberto, ten un unha aprensión do espazo infinitamente maior á do mapiña parcial do coche. O cálculo de distancias, a reconstrución da idea espazo sobre un mapa aberto é máis fácil na cabeza do recolector cazador do que vimos, que unha minúscula pantalla parcial, que é unha fotiño en vez dunha película. A próxima vez que saia de viaxe, compro un mapa de carreteras... se é que aínda se editan. 

Te puede interesar