Opinión

Martín Villa e o disparate

Supoño que de adolescente pediría nalgún momento a súa dimisión. Por sorte, o paso do tempo fai que teñamos perspectivas das cousas distintas. O Partido Comunista Francés, por exemplo, pasou de apoiar a invasión nazi de Polonia a participar na resistencia. E esta posibilidade de cambio de perspectiva -esencia da liberdade humana- ten moito que ver no advento da democracia en España. No outono de 1975, a maioría dos españois, sensatos, vían que da morte de Franco na cama e con grande enterro popular, só se saía con acordos. Os insensatos estaban con Girón de Velasco, Blas Piñar, os Guerrilleros de Cristo Rey, dunha parte, e co FRAP, Grapo, ETA e adherencias periféricas da outra. A maioría dos sensatos do réxime -rapaces que despois dos campamentos do Frente de Juventudes viran a posibilidade de trepar na administración do Estado-, como Suárez, Martín Villa -pensaban espantados na guerra, sen recoñecerse, para nada na praza de touros de Badajoz nin nos “paseos” da “zona nacional”.

A maioría dos sensatos da oposición -Carrillo, Felipe González, Alfonso Guerra, etc.- tiñan tamén  vergoña do que se fixera nas checas de Madrid ou nos conventos de Cataluña, e nin querían, para nada, oír daqueles tempos. E así, grazas á actitude positiva dos mozos de ambas procedencias e á tamén positiva, da maioría dos vellos que participaran na guerra en ambos bandos - Gutierrez Mellado ou Santiago Carrillo, p. ex.-  púidose producir a transición á democracia.  

Pero ese desacougo sobre a historia viña de vello. Un exemplo. No xornal A Nosa Terra, nº 460,  abril de 1948, hai un artigo sen sinatura pero de Castelao titulado “O 14 de abril”, no que remexe no fracaso dunha ilusión:  “Unha inmensa tristura nos invade ao pensar no mal que se aproveitou aquel entusiasta movimento popular que sin verter unha pingueira de sangue, fixo unha revolución exemplar. A estulticia dos homes encarregados de prasmar os anceios do povo levouna ao fracaso. Non é preciso lembrar todo o que ocorreu de entón acá. Na memoria das xentes están vivos aínda os sucesos que ocurriron. Non é hora tampouco de facer acusacións nin lanzar diatribas que non servirían máis que para afondar resentimentos. Bastantes son as verbas cheas de veneno que se cruzan a cada momento, antre os distintos bandos que se cren os únecos poseedores da verdade. Non queremos caer nesta lameira que os embadurna. Sexa este intre unha ocasión de facer un eisamen de conciencia e confesar os pecados para que poidan ser merecentes de perdón. Que cada un medite no que fixo e no que deixou de facer para que outra vegada enmende os erros que cometeu se ten oportunidade para elo”. 

E si,  a II República, independentemente do inferno que veu despois, é un exemplo de como se poden torcer as cousas con radicalismos inxenuos e enfrontamentos disparatados, cando os exemplos sociais e culturais deixan de ser as democracias occidentais e son só as alucinacións, por babor ou estribor, duns iluminados.  Por iso foi posible a transición: todos tiñan vergoña do pasado, sen que isto supuxese, claro, ningunha equidistancia entre asasinos e asasinados.

E vergoña sinto eu agora de que a fiscal xeral do Estado, Dolores Delgado, exministra de Xustiza, cunha falla absoluta de sentido da historia, trate de erosionar o espírito e resultado da transición, facilitando un disparatado interrogatorio co que unha xuíza arxentina coñecida pola súa vinculación co menenismo corrupto e polo intento de coutar a liberdade de expresión - busquen na rede baru, budú, budía- trata de dar leccións  e reescribir a historia de España. Ela. Manda truco.  

Te puede interesar