Opinión

A medalla do Parlamento a Nós

Éunha excelente noticia a unanimidade do Parlamento galego para entregar a medalla da institución 2021 “ao conxunto dos integrantes da Xeración Nós e os seus discípulos”. Para iso sinala que “será entregada ás catro únicas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria dos persoeiros constituíntes da Xeración Nós”.

Dúas ideas, pois: a medalla é para todos, fundadores e “discípulos” colaboradores de Nós e continuadores do seu traballo, e catro son as fundacións que perpetúan a memoria dos iniciadores. Certo que hai outras moitas fundacións en memoria de persoas que colaboraron en Nós -por exemplo, as Fundacións Filgueira Valverde, Antón Fraguas, Blanco Amor, Alvaro das Casas, etc.- e moitos outros espazos que custodian materiais deses personaxes, como o Museo de Pontevedra, o Padre Sarmiento, a Penzol, o Museo do Pobo, etc. pero fai ben o Parlamento en explicitar que son elas as que teñen como obxectivo único a perpetuación desas memorias.

Das catro, a única por vontade do autor e máis antiga é a Fundación Otero Pedrayo, creada polo desenvolvemento do seu testamento, outorgado en Ourense perante o notario, Luís Moure Mariño, o 2 de xullo de 1975, e no que sinala a cinco persoas (Francisco Fernández del Riego, Álvaro Gil Varela, Domingo García Sabell, Francisco Ogando Vázquez e Severino Pérez) como encargadas de constituír un padroado para gobernar un legado, instrumentalmente cedido á editorial Galaxia, “en reconocimiento de los servicios prestados a la difusión de la cultura gallega”. Pero sinala claro: “A dichos señores ordeno que destinen tal casa y sus fincas al más adecuado fin que pueda contribuir a la difusión de la cultura gallega, como por ejemplo, residencia de artistas y escritores durante los veranos, centro de estudios o cualquier otro análogo que los miembros del patronato estimen adecuado. Con este fin se constituirá allí un biblioteca con los fondos de libros que ya existen en tal casa, más aquellos otros que allí serán llevados desde su domicilio de Orense. Los señores nombrados, con amplia liberdad y criterio, elegirán, cual se infiere de lo dicho, el destino que ha de darse a tal casa, siempre relacionado, por supuesto, con la difusión de la cultura gallega... ”.

En decembro de 1977 toma forma legal o Patronato Otero Pedrayo cos seus primeiros estatutos aprobados por Domingo García Sabell, Francisco Ogando, Severino Pérez e Agustín Sixto Seco, que actúa como plenipotenciario representante de Francisco del Riego, Álvaro Gil, e da editorial Galaxia, a que, obviamente, non se fai cargo da herdanza pois non é a finalidade do testamento, pero si facilita, como pensaría Otero, a constitución dunha entidade con personalidade xurídica de seu, para, desde Trasalba, “contribuír a la difusión de la cultura gallega”. 

A Fundación Otero Pedrayo, con esta denominación desde 1979, preexiste, pois, á Constitución, á Autonomía, e exerce durante eses anos de mimadora da memoria de toda a Xeración, como fixera Otero toda a súa vida. Nas hemerotecas están as actividades da Fundación nos centenarios de Risco (1984), de Cuevillas (1986), etc. As outras foron nacendo, por sorte, en circunstancias máis favorables. A Castelao, en decembro de 1984; a Vicente Risco, en abril de 1995, e a Losada Diéguez, en outubro de 2007. 

Este premio, entendo eu, é tamén un recoñecemento a un traballo conxunto das catro, e que neste 2020 logrou placa na casa de Cuevillas, a denominación Nós para a nosa Biblioteca Pública, que Nós fose a palabra galega 2020, e contribuíu ao éxito da Exposición “Galicia, de Nós a nós”. Que o é, sobre todo, da catro fundacións, dos centros colaboradores custodios de documentación e das institucións e administracións que se involucraron. Graciñas, pois.

Te puede interesar