Opinión

Monárquico-republicano

Voulles facer unha confesión. Son fondamente monárquico-republicano. E non se estrañen vostedes porque a política é lugar de abundancia de palabras compostas con dous lexemas de significados radicalmente distintos; normalmente -como no meu caso- complementarios. Digamos, por exemplo, “cristián-demócrata”, “centro-esquerda”, “social-demócrata”, “extrema-dereita”,  “ultra-moderado”, “nacionalista de esquerdas”... etc. Así pois, si, eu sonlles monárquico-republicano. E como moito, como na linguaxe vulgar se opoñen e contrarrestan, en determinado sentido, non sería nada no que se refire á forma en que organizar a Xefatura do Estado. E así, empato fondamente coa tradición galeguista, ben indiferente, na súa maioría, a este tema que estaba na axenda política na segunda década do século XX. Despois da imposible modernización do inxenuo Amadeo de Savoia, despois do desastroso exemplo da I República,  despois da restauración borbónica con Afonso XII e da perda de Cuba e Filipinas, e despois da progresiva organización de partidos e sindicatos digamos, modernos, moitos non tiñan claro que sistema sería o mellor, nas primeiras décadas do XX.  Uns -a maioría da esquerda- tiraban pola república; outros -a maioría da dereita e moitos nacionalistas vascos, por exemplo-, turraban pola monarquía. Os galeguistas, como case sempre, tiñan varias opinións.

Melquíades Álvarez, un  sabio político asturiano de moita sona, propugnaba daquelas a “accidentalidade das formas de goberno”, isto é: que a cuestión de monarquía ou república era instrascendente, e non había que perder o tempo nela, o único importante era a democracia. O mal, dicía el, non era o rei - pensaba en Inglaterra-, o perigo era a ditadura, bolxevique ou fascista, pero ditadura, sempre. Moi activo políticamente, co seu Partido Reformista, ocupou moitos cartos e foi deputado prácticamente en todos os parlamentos da época. Ilusionado fríamente coa II República, foi asasinado no cárcere Modelo de Madrid, en agosto de 1936, polos anarquistas. E esta idea da “accidentalidade”, sabémolo,  pairou no debate dos galeguistas. Os da Coruña tiraban máis a políticos e republicanos, e os de Ourense máis a cultura e menos a cambiar de réxime. Así,  no manifesto de Lugo das Irmandades de 1918, transaron uns e outros e deixaron o tema baixo a idea de don Melquíades e cunha saída pola taxente: “Crendo na accidentalidade das formas de goberno, interésanos aclarar que non apelamos por ningunha, mais simpatizaremos, desde logo, con aquela que se amostre máis doada pra chegare á federación con Portugal”. Toma! E despois pasou o que pasou e tiveron que -con ben pouco éxito- vivir baixo varios réximes: monarquía, ditadura de Primo de Rivera, II República... adaptándose con certa inxenuidade a cada un. E digo isto, porque ao igual que o PSOE apoiou nas súas orixes a ditadura de Primo de Rivera, así fixeron os galeguistas e Vicente Risco, entre outros, foron designados deputados provinciais, aínda que logo se desenganaron. E despois chegaron tarde á II República -o PG nace nove meses despois da súa proclamación- e cando veu a guerra e a ditadura de verdade, afogou o xogo político en sangue e medo.

Ben. E eu, que como lles dicía son republicano-monárquico... ou era ao revés, monárquico-republicano?, en fin, tanto ten. A verdade é que o tema en esencia, como a don Melquíades, non me interesa; só na súa dimensión práctica, útil.  E así, non tería a menor tentación de votar a favor da monarquía en Alemaña, Francia, Finlandia, Italia ou Grecia, nin a menor de votar en favor da república en Inglaterra, Noruega, Holanda, Dinamarca. E en España? Pois o certo é que tampouco tería eu moita dúbida: só me interesan a democracia e o acougo.

Te puede interesar