Opinión

O nacemento de Ourense e o comercio

Aínda que o digan Cuevillas, Ferro Couselo ou o sumsumcorda, a orixe de Ourense non é termal. Se chega ser así, por que non xurdiu Ourense nas Caldas, na Chavasqueira, no Tinteiro, ou en Outariz? Por que non hai unha cidade en Prexegueiro ou en Berán? Hai moitas augas quentes que nacen en moitos sitios pero en poucos nacen cidades. Será por cousa dos romanos? Non. En Rio Caldo hai restos de termas, en Baños de Bande, en Aquis Querquernis tamén, e non xurdiron cidades. Así pois, sobre o beneficio da natureza que son as augas quentes, sobre a presenza basal romana, ten que haber, hai, algo máis. E a cousa parece clara.

 Ourense nace porque neste sitio de augas quentes, nesta encrucillada de camiños e de ríos, neste val afundido e protexido dos fríos, naceu o comercio do interior da Galicia sur. Si. Asentáronse comerciantes para dar servizo á poboación local e á que acaba de chegar. A xente, como Calpurnia Abana Aeboso virían tomar as augas, pero, de paso, a comprar camafeos e cerámicas sixilatas ou olas locais. E a comer. E a facerse con telas importadas. Outros virían vender os produtos das súas hortas para as xentes que vivían sen fozar na terra. E apareceron zapateiros e carniceiros e curtidores e armeiros e ferreiros e ferradores, e fóronse asentando nas veciñanzas das Burgas, augas arriba, cada grupo no seu recanto. E para a construción das pontes, para a administración, para o exército, para as minas de ouro, fixeron falta moitos homes... e había que darlles de comer e de vestir. E despois de Roma, os suevos fixeron de Ourense un centro porque alguén, máis alá dunha administración que se volatilizara, mantiña vivo o espírito da cidade: os que vivían e comerciaban nela. 

 Logo viñeron malos tempos, moi malos, pero algúns resistiron ata que o bispo Diego Velasco, en tempos da raíña Urraca, filla de Afonso VI, en 1122, se amosaba propenso, desexoso, de restaurar a cidade da desolación na que se achaba “volens quippe auriensis ciuitatis desolatione propensius restaurare”. En fin, nunhas ducias de anos, a construción da Catedral, da Ponte Vella e o cultivo do viño foron os tres eixos motores dunha economía local na que xa axiña nace unha rúa ao pé da Catedral que se chama “das Tendas”. 

Si. Ourense nace do comercio. Unha boa parte da riquísima documentación medieval que conservamos son ordenanzas e regulamentos comerciais. Por exemplo, hai un marabilloso texto de 1448 na que o señor da cidade, o bispo Pedro de Silva, sinala como se debe facer a feira de San Martiño, na confluencia entre a Praza Maior e a rúa das Tendas “por quanto hé mays honesta e pública e mays onrrosa á dita çidade et mays proveytosas aos mercaderes e mays sen peligro e sen dano dos mercadores e das outras personas, et outrosy por seer a dita Plaça con seus portás moyto mays larga e vistossa pera as distas mercadorias seeren postas e caberen, e outrosy pera os que viñeren mercar ao conplaren veeren e visitaren mays as suas vontades e por seer mays seguras...”

En fin, mimemos, como don Pedro, o comercio local; foi clave no pasado e é imprescindible, radicalmente imprescindible, para poder conxugar xuntos tempos futuros.

Te puede interesar