Opinión

Nadal ou Natal?

Ahistoria das palabras está chea de reviravoltas. Dun mesmo étimo latino poden derivar palabras con significados moi distintos ou idénticos. Faláballes o outro día de traizón e tradición. Pero sinónimos e parecidas son alumear ou iluminar, ou inchar ou inflar, por exemplo. En fin, sempre me chamou a atención a palabra “Nadal” en galego porque a evolución do “te” latino intervocálico a “de” -sonorización- corre parella en galego e portugués. Ou sexa dicimos ambos “moeda” e non “moeta”, aínda que digamos “monetario”. Tamén sabemos que pode o substantivo “gastarse” máis, evolucionar por vía popular (por exemplo, segredo en “vouche contar un segredo”) pero manterse case inalterable por vía culta, no caso de ser adxectivo (secreto, en “un documento secreto”). Pois ben, como adxectivo, “natal” é común ás linguas ibéricas romances -isto é catalán, castelán, galego e portugués- e así dicimos, por exemplo, “la ciudad natal de Valente es Ourense”, a cidade natal, la ciutat natal... E como substantivo? Pois en catalán, “nadal”; en castelán, segundo o dicionario da RAE, en desuso, tamén “nadal” -case desaparecida a derivación de “natalis” fronte a “navidad de “nativitas- nativitates”-; pero en portugués, natal. E esta diverxencia entre os estándares do galego e do portugués? Ás veces cada sistema tende a encontrar as súas solucións nas reviravoltas da historia e, cando se asentan, non é bo forzarmos todo de máis, para non nos afastar en exceso da xente.

Cóntolles. Na idade media dominaba substantivo Natal. Entre o século XIII e o XVI aparece nos textos recollidos na web do “Tesouro informatizado da lingua galega medieval” 365 veces; fronte a isto, Nadal aparece en 29 ocasións. Nos textos do Rexurdimento e época Nós, atopamos máis equilibro. Nas obras lexicográficas de Pintos (1865), Piñol (1876), Valladares (1884), Filgueira (1928), Carré Alvarellos (1933), etc. aparece sempre Nadal. Pero en Saco Arce (1881), Benito Fernández Alonso (1885), García Ferreiro (1887) e case sempre n’O Tio Marcos da Portela (1883 e ss) aparece Natal. Non é casual que estes últimos sexan de Ourense. 

Vexamos agora os datos de distribución de ambas formas, Nadal e Natal, feitos a pé de aldea polo Instituto da Lingua Galega nos anos setenta entre xentes maiores e publicados no tweter desa institución hai uns días. A distribución é clara: Natal é homoxéneo nun espazo que ocupa toda a provincia de Ourense e case toda a de Pontevedra, agás a parte norte dela. Iso explica, tamén que Otero Pedrayo e Risco, por exemplo, usasen preferentemente Natal. Lugo e Coruña son espazos do Nadal. Ambas son, pois, formas vivas no galego popular que, considero, deberían aparecer no dicionario -como inda e aínda, por exemplo-. A que se debeu, pois, a desaparición desta última, de Natal, da escrita nas últimas décadas? Se cadra non é alleo o o espallamento de tarxetas de felicitación catalás nos anos sesenta: Bon Nadal era a súa mensaxe, coa que tamén nos identificabamos. A distribución de bon/bo é outro tema. Nunha liña hipotética que fose da Gudiña a Coruña, ó norte sería o bon e os sur o bo. Así que, tanto Bon Nadal como Bo Natal, ao lado do xa consolidado e xeral Bo Nadal, son formas vivas e lexítimas en galego. E, agora que acaba decembro, o mes do Nadal, expresarlles tamén os mellores desexos para o 2019. 

Te puede interesar