Opinión

Nin o lume do Brasil é o que parece

Un dos principais problemas do mundo, ao meu ver, hoxe é que case nada é o que parece. A ideoloxía da lixeireza do “todo a cen”, do discurso banal, superficial, sen posibilidade de crítica sobre o pensamento dominante, fai que moita xente, cale.

E así a palabra queda en mans do falabaratismo máis descarnado e, por veces, agresivo. A enxurrada de noticias que á penas ocupan un minuto de discurso, con varias descualificacións polo medio, dominan desde as redes e os simples insultos subidos de ton substituíron ao debate das ideas, a calidade dos discursos, a fondura das reflexións.

Moitos, se tivesen que facer unha valoración da historia do programa La Clave de Balvín quedaríanse, seguramente, en que permitían fumar nel e en que non houbo equilibro de xénero entre os participantes. Así, máis que a manipulación das ideas, sempre preocupante, é a falla de capacidade de reacción pois ninguén quere ter o vendaval do pensamento único en contra.

Nunca foi tan fácil botar a rodar unha bóla, tecida de simplezas reais, medias verdades e intencións avesas, logo a rede, chea de benintencionados salvadores, axiña o converte en dogma. E os contarios ao dogma,  como sempre, á fogueira.

E falando de fogueiras, vou co Brasil. Recoméndolles que naveguen pola páxina https://fires.globalforestwatch.org. É dunha desas organización mundiais con presenza de institución de investigación, universidades, gobernos, ongs, empresas, etc.  que concentra a información dos incendios de todo o mundo servida por dous satélites especializados, o Modis e o Viirs.  É preciso ir ás fontes, porque da utilización política dos incendios sabemos aquí ben. En función de quen goberne, a culpa bótaselle, a uns ou a outros. 

Ten a páxina web esa datos de todo o mundo; en España, incluso por autonomías. Pero imos co Brasil. Mirando a información histórica e actual, dos seus lumes, podemos intuír que estamos ante una hipertrofia mediática, seguramente de orixe política, dun problema real. Por que hai hoxe esta fixación? Non o sei.

Se cadra é posible que nin estea planificada. Pode ser. Ou non. Imos ver, desde o neolítico, nas sociedades tradicionais,  úsase o lume para rozar e revitalizar pastos e preparar terras de cultivo. Tamén no Brasil, para pastos e rozas. E este ano son moitos. 

Uns datos correspondentes os dez días entre o 14 e o 24 de agosto actual. Saben cantos incendios houbo naquel país xigante?  Pois a enormidade de 98.763. E en Angola? Pois 132.439. E no Zaire? Pois  125.388. E nin lles comparo o tamaño dos países. Algo raro hai. Sigamos.

A data de hoxe, lévanse contabilizado no ano en Brasil 151.927 incendios forestais. En igual día do ano pasado eran uns 115 mil, pero en 2010 eran 251.293, e no 2005, o record, 268.119. (En 2001, primeiro ano dos satélites, foron 64.783).

E destes lumes desde ano, o 94 por cento foron fóra de zonas virxes, e o 79 fóra de zonas de protección da natureza. A vinculación con cultivos industriais, escasa; só 1 por cento de zonas de plantación, pero un 20% en zonas mineiras, ollo ao dato. 

En fin, entre Angola, Zaire, Gambia e Mozambique, nestes mesmos días que había eses 98 mil incendios no Brasil, había alí, case catro veces máis, 377.000. Pero a África non lle prestamos, seriamente, a mínima atención. E logo pasa o que pasa.  

Te puede interesar