Opinión

Sobre o nome da "Costa da Morte"

Os topónimos xerais referidos ás costas son, comunmente, cousa nova e asociada á literatura turística: Costa Azul, Costa Brava, Costa del Sol, Costa Verde, Costa Dorada, Costa de la Luz... pero Galicia, o espazo lindeiro co mar xa o tiña con denominacións propias nosas e vellas: Rías Baixas, Rías Altas, As Mariñas... E de querer concretar máis, pois estaban os nomes de cadansúa ría: Ría de Vigo, de Pontevedra, de Arousa, etc. ata o acordo equitativo que fai que arestora falemos da Ría de Muros – Noia, o que ven sendo algo así como o Queixo de Arzúa-Ulloa.

E un topónimo tan estraño e lúgubre como “Costa da Morte” de onde sae? Pois voulles presentar uns cantos fíos cos que se pode ir tecendo unha idea dunha realidade máis complexa. 

Mirando nesa marabilla da biblioteconomía moderna que é Galiciana -compendio de información de materiais editados, sexan libros, xornais, etc. dixitalizados de Galicia- topo que a referencia máis antiga que existe nela, e como “Costa de la muerte”, é de 1909, e resulta evocadora como topónimo literario referido dunha forma difusa e xeral ás perigosas costas de Galicia, fóra os portos principais. Un dos valores e promotores principais desta barroca e desacougante denominación foi Jaime Solá desde a dirección de Vida Gallega, que foi unha revista coa mesma consideración entre os galeguistas que a novela “La Casa de la Troya”, isto é, ben pouca. E o momento de xeneralización do nome, creo que coincidiu co horripilante naufraxio do Santa Isabel nas proximidades da Illa de Sálvora, a noite do 2 de xaneiro de 1921, no que morreron 213 dos 269 pasaxeiros e tripulación no traxecto entre Coruña e Vilagarcía, con destino Cádiz para empatar con viaxe transatlántica ata Buenos Aires.

Nesta inmensa traxedia houbo tres heroínas, tres mulleres que no medio da tempestade e da noite saíron cunha dorna e fixeron tres viaxes ao centro da traxedia e lograron salvar un par de ducias de almas. Precisamente, no número 133, de 1 de febreiro de 1921, de A Nosa Terra, un artigo -“Novas da causa”- da conta de que os galeguistas queren render homenaxe a esas tres mulleres -cita os seus nomes e idades, Josefa Parada, 25 anos; Cipriana Oujo, 16 anos; María Fernández, 14 anos- e conta a fazaña. Un par de meses despois, no número 137 de 31 de marzo, hai un artigo asinado por Francisco Abelaira titulado “Sin senso” que é un alegato contra o nome de Costa da Morte. Comeza evocando a figura de Ramón Vilar (Ponte) para amosar a súa indignación cuns “xeografieiros” máis que castelás, d'esprito castelanizado, que chamaron “Costa da Morte” á costa de Galicia. Y-eles -mal pocados- non teñen culpa mais que da súa inorancia. Do nome téñana moitos dos nosos -¿direino?- compatriotas que a troque de atopar unha verba rimbombante pra millor encher páxinas de prosa sensibleira na data dalgún naufraxio, non dubidaron en bautizar un anaco da nosa costa. E fixeron padriño. Porque “Costa da morte” é caluñante. E os casteláns copio, copias, copiare... E despois de propoñer que, se queren, lle chamen “Porta da Morte” á “Porta do Sol” de Madrid, remata: “Pois vede aí o que é a nosa Costa da Morte. A porta do Sol de toda-las terras. O corazón de todo-los mares. O rego por onde eternamente corre a torrentes a savia de tódol-os países. ¡Costa da vida!”. 

Poida que tivesen razón, pero ninguén lles fixo caso: nada novo nin raro.

Te puede interesar