Opinión

Nomes bonitos

O outro día, unha señora dicía que non había nomes bonitos nin nomes feos, máis ou menos, e que todo dependía da cultura. Pois si e non. Si, desde logo, nalgunhas cousas, depende. Para min, sen irmos máis alá, o nome de Nemesio é do máis normal: bisavó, avoa, tía, irmán, primo... Máis raro se me fai Afonso, inda que non lles pareza. Si, moito de hábito hai, desde logo nas asociacións dos nomes.

Pero despois está a eufonía. Que a Academia define como: Efecto agradable ao oído, que resulta da combinación de determinados sons dentro dunha mesma palabra ou da unión entre varias palabras. E tamén hai o que soa mal, e xa ten palabra máis fea, como corresponde: cacofonía. E afirmo que Galicia é un nome eufónico, que soa ben; ben mellor ca, perdóenme de novo, Murcia ou Extremadura. Do mesmo xeito que Alicia soa mellor que Xestrudis, con todo o meu cariño para as “Xestrus”. Si. Hai palabra que polos seus sons son máis agradables ó oído e outros máis ríspetas.

Unha vez na tele, nun programa, o locutor preguntoulle ós presentes por unha palabra bonita, que soase ben. A amiga Luísa Castro dixo que “hambre”. Case a comen viva. Gustáballe o son, non obviamente o que significaba. Porque tamén hai non só palabras senón sons que asociamos a unhas cousas e outros a outras. Por exemplo, que vila ou lugar de Ourense usarían para bautizar un coche de carreiras, veloz e áxil? Que nome, que topónimo, nos podería facer pensar en elegancia e maxestuosidade? Imos con estes dous.

Estarán de acordo comigo en que para un coche rápido, mellor lle acaería Xinzo -arrastrando a fricativa inicial- ca, perdoen os meus amigos de alá, Soutopenedo. (Seat Xinzo, soa; Seat Soutopenedo, pois non). E que un coche que se chamase co nome do concello coruñés de Zas, pois sentiriámolo perigoso. Golpe seguro. Pero para unha canteira de granito, por exemplo, o nome de Soutopenedo, viríalle ao pelo. E o elegante? Pois, para min, Viana. Soa ben. Viana. Pero o malo é o “apelido”, “do Bolo”. Vexamos a fonética e as evocacións. Viana. Despois dun xuntarmos os labios como para un bico inicial, vén unha letra optimista e botada para adiante -o i- e logo dous as -ana- que nos falan de apertura e sinceridade. Pero “do Bolo” mátao: ten, nin máis nin menos, tres os seguidos pechados; case nin abrimos a boca: Viana do Bolo. Empeza nome alegre e aberto e acaba triste e escuro. 

En fin, a uns cadroulle un nome máis eufónico e outros menos. Pero así é a vida. E todos teñen o seu aquel. Que lles evoca Cazarrancas? E Listanco? E Turbisquedo? E Cacidrón, Cotarós, Langullo, Chandoiro, Requiás, Xendive, Guxinde, Queguas, Farnadeiros... 

Non me estraña que o grande Uxio Novoeyra estivese engaiolado pola inmesa riqueza e o poder evocador dos nomes das nosas aldeas. O uso que fai deles no seu poemario “Os Eidos” é marabilloso. Saben a monte, a auga limpa, a serras abertas, a cantigas de fonte, a rechouchío de paxaros. Grande Uxío. Grande toponimia. Grande país, no sentido primitivo de paisaxe, de terras de. Dese país do Ribeiro da Avia, dese país das Frieiras, dese país da Limia ou do Caurel. Dos países nosos.

Te puede interesar