Opinión

Non furemos máis!

Estou encantado da chegada do AVE a Ourense e, ademais, creo que é momento de parar, non ir máis alá do definitivamente decidido (ou sexa, ata Seixalbo) e creo que é ocasión de abandonar o que xulgo disparate carísimo e molestísimo de furar Montealegre, avantar sobre o Loña, furar por baixo de Sabadelle e avantar de novo sobre o Miño, sobrevoar as piscinas de Oira e entrar a Ourense pola vía de Monforte. Chamo á reflexión pública aínda non escoitada dos defensores da natureza, dos conservacionistas, dos ecoloxistas...

Para empezar, a lenta obra do AVE non causou ningún inconveniente para a cidade. As obras máis próximas, nas últimas décadas, foron as de Quintela de Canedo, o viaduto sobre a estrada de Castro de Beiro e os seus túneles. Todo bastante inocuo. Non sufrimos no día a día máis ca unha reforma da estación que tería sido moito mellor só con dúas pequenas e importantes melloras (rotonda de acceso para poder comunicar co centro da cidade; escaleiras mecánicas para os andéns posteriores) sen entrarmos xa na retirada do edificio da estación e das vías, cara ao norte, onde están os almacéns de construción, silos, etc., para deixar unha ampla explanada por diante, ideal para conexión co tecido urbano anterior. En fin, agora, coa certeza de que pola cota da saída da vía cara a Santiago é imposible soterrar a estación, as posibilidades de “coser” o Vinteún co barrio da Ponte son as mesmas veña o tren polo xa histórico Viaduto sobre o Miño, obra do enxeñeiro José Luís Tovar Bisbal e marabillosa entrada na cidade, veña desde Monforte. O único que se podería “coser” doutro xeito sería o tramo de Seixalbo á estación. E pregúntome, ten alguén intención de demoler ou deixar sen uso o viaduto e a conexión directa co Polígono?

E creo que agora co AVE a Madrid en funcionamento é momento menos propicio para dificultar a circulación pola cidade durante anos de obras. Pensen. Para moveren as terras do túnel de Montealegre -3 quilómetros de granito-, cantos camións durante canto tempo e cara onde terían que circular sobre a estrada entre Ourense e o Polígono por Seixalbo? E pola outra boca, desde a estrada de Trives, pouco máis arriba da Rabaza? Dúas das principais vías de entrada a Ourense. E avantemos sobre o Loña. Que nivel de impacto -apertura de pistas, movemento de terras, asentamento de piares- fará falta para ese viaduto sobre un dos paraxes naturais máis interesantes das proximidades de Ourense? E o movemento de terras do túnel de Sabadelle, tanto pola entrada augas arriba do colexio de Mende como pola saída, preto do miradoiro de Velle... por onde se produciría? Como afectaría á lenta e sen espazo para adiantar estrada de Monforte? E o corte das capas freáticas? Como lle iría aos pozos? En fin, non quero respostas. Quero, simplemente, deixar constancia de que polo menos unha persoa -dúas, co colega de páxinas Ramón Canal- estivo a favor de aproveitar os beneficios do AVE pero sen os inconvenientes, gastos e molestias de seguir cunhas obras xa ben excusables. E ollo coa demagoxia das curvas como a de Angrois. Alí non houbo accidente debido ao radio da curva -seguimos indo pola mesma vía sen problema- senón á inadecuación, nun terrible momento, da velocidade do tren á mesma. E desde o intercambiador de Seixalbo, xa se ten que vir freando... Ademais, a curva aérea sobre as piscinas de Oira tería un radio semellante ou superior á de Angrois. En fin, eu vexo moitísimos inconvenientes, moitísmos gastos, moitísimas molestias e ningún beneficio global en furar Montealegre.

Tanto poder teñen as megaconstrutoras para anularen a reflexión libre? Hai algún “eco-friend” por aí?

Te puede interesar