Opinión

E se nos facemos portugueses?

Opinión

E se nos facemos portugueses?

Razón non lle falta ao amigo Antonio Piñeiro. Pero empecemos polo principio. Ás veces, algúns países facilitan a naturalización de habitantes botando man de razóns históricas, culturais... O último, polo que respecta a España, é a concesión da nacionalidade a serfardís, anovando unha lei de 1924, non allea á simpatía espertada polo comportamento colaborador desas comunidades xudeas durante a expansión española en Marrocos. Aquela lei serviulles a algúns funcionarios españois, como Angel Sanz-Briz ou Sebastián Romero Madrigales, para salvaren uns milleiros de xudeus durante a II Guerra Mundial. 

Pois ben, voulles falar medio en serio medio en broma -forma raposeira de deixar caer verdades- da pregunta que fago no titulo do artigo: E se nos facemos portugueses?

É certo que como Galicia e Portugal teñen tanta cousas comúns -a lingua nosa estendida máis alá do Miño e do Douro renaceu portuguesa, as paralelas historias emigratorias en América e Europa, a nosa vocación atlántica e sentimental- temos unha relación de proximidade tan evidente como ambivalente. Amamos Portugal, sentímonos na casa... e se hai algo de desconfianza, é, se cadra, por causa dunha influencia desa España central que nunca dixeriu ben a derrota de Aljubarrota e a independencia de Portugal.

Pero entre nós, unida a esa proximidade humana e física de sempre -aquí non hai fronteira, só unha simple “raia”- está unha admiración crecente nas últimas décadas. Se cadra o despegue foi a ilusión do 25 de abril de 1974 asentada sobre unha estima vella e intensa pola súa educación, cortesía e amabilidade. A súa música e a literatura, sen traducir -ou sexa sen traizoar- desde Grándola, á Cabritinha, ou á Garota de Ipanema, e as vivencias intensificadas polas viaxes, polo do seu -noso- aeroporto de Porto, fixeron que cada día nos sintamos máis próximos. Cando Portugal gañou a Eurocopa (2016) e Eurovisión (2017) moitos galegos sentíronse máis achegados a eses nomes (o adestrador Santos, os xogadores Carvalho, Guerreiro, Fonte, Silva, o cantante Salvador Sobral) que aos de España (Barei, a cantante; e os xogadores, xa os saben, Busquets, Piqué, Casillas, Morata...). 

E si, non seremos portugueses, pero somos moito máis próximos a eles, claro, que un de Soria, Cuenca, Teruel ou Murcia. E non sei se incluso seremos máis próximos a eles ca a un de Soria, Teruel... ou dese Madrid, centro do rebumbio español. En fin, dicía Castelao que cando Galicia se ve perigar, moitas veces tiña a tentación de cambiar de Estado en favor de Portugal. Na historia non o vexo, pero a min, arestora, cobízame a idea. E moitos son os motivos de atractivo sentimental últimos. Lembren, por exemplo, a radio da Garda Costeira cando a xestión do Prestige; lembren a defensa de España en Europa por parte do seu presidente; lembren o éxito no control do coronavirus a través do compromisos social -Goberno, oposición e cidadanía- sen desacougantes hipervisibilidades de uniformes. En fin, que como todos agora a nivel europeo temos os mesmos dereitos, non sei se pedirlle ao Goberno portugués que habilite unha lei para favorecer a naturalización como lusitanos dos galegos que o desexen. Se cadra inda levaban unha sorpresa. Eu pensaríao, desde logo. A exacerbación lacerante dos políticos españois contamina incluso á xente do común, máis encabuxada cada día. O contrario, tamén existe. Vémolo en Portugal. Porto xa é o noso grande aeroporto... Lisboa a nosa outra capital? Poder podería.