Opinión

O apalpador (e a apalpadora)

Non é casualidade que en todas as linguas latinas as palabras tradición e traizón sexan tan parecidas, pois veñen do mesmo vocábulo latino. Se tradición significa “conxunto de usos e costumes antigos propios dun pobo, transmitidos de xeración en xeración”, traizón (derivada do étimo común “traditionem”) fai referencia tamén ao feito de pasar unha cousa a outro... pero ao inimigo. Tradición e traizón son, pois, irmás de sangue. 

Pero as tradicións non son eternas nin inmutables; moitas desaparecen pero tamén se crean algunhas. Por exemplo, a Festa da Istoria de Ribadavia, o ir pasear á beira do Miño... e cousas tan tradicionais xa como a Feira do Viño do Ribeiro ou o Día das Letras Galegas, teñen pouco máis de cincuenta anos. E creo que debemos ter moito coidado en que a creación de novas tradicións non supoñan unha traizón ás vellas. O Arde Lucus, suma; a festa da Arribada, suma; porque antes non había unha festa tradicional co mesmo obxecto. 

Ben, pois considero que o Apalpador non só é unha invención e, dalgún xeito, unha traizón. Nada hai nos estudos sobre a cultura popular -falo de Vicente Risco, Cuevillas, Xoaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite, Lisón Tolosana... ou calquera outro dos etnógrafos ou antropólogos máis modernos- que recoñezan esa figura. E non digo que non poida haber nalgún punto algo semellante como o Coco ou o Home do Saco, ou o Saca Untos, de tempos pasados, de cando andar metendo a man por debaixo da roupa para apalpar as barrigas non tería, supostamente, as connotacións de hoxe.

En fin, ao que vou é que desde o século X temos obras de artes -o releve de San Xoán de Camba, século X – coa adoración dos Reis Magos, orixe desta tradición do noso mundo cultural. E desde os séculos medievais tamén recoñecemos os vilancicos como parte desa historia, é máis, os vilancicos ou panxoliñas son un dos elementos de permanencia da lingua galega máis activos ao longo dos séculos do devalo dos tempos modernos: cantábanse nas casas e nas catedrais de media España, alá onde había coterráneos nosos emigrados. 

Agora, a difusión do Apalpador suma, desde o meu punto de vista, varios elementos negativos. Se Papá Noel é un símbolo do consumismo made in USA, un vello que vaia apalpando barrigas de nenos e nenas e do rural máis atrasado, só para inventar unha tradición traidora que reste e se opoña á milenaria e popular tradición cristiá dos Reis Magos e todo o que vai asociado, é algo que resta.

Algúns cremos que só hai sitio para a maxia dos Reis; outros tamén se apuntan ao Papá Noel. Para tres, non dá a cousa. E a figura da “Apalpadora” que agora queren lanzar como “referente feminino do Nadal” pois é outra que tal baila. Como aquelas “Raíñas Magas” de bloqueira e simpática lembranza. 

En fin, bo Nadal teñan vostedes. Vaian ver o Belén de Baltar, canten panxoliñas e coman coliflor con bacallau ou pulpo -batalla case perdida-. E cando cadre, déixenlles aos Reis unhas copiñas e turróns para a noite, e algo de auga para os camelos. E se vén un vello de vermello agatuñando para entrar nunca casa ou un malandrín larafuzas con cara lasciva buscando meter man nas barrigas de nenos e nenas, impídanllo a toda costa. E se lles cómpre, chamen á policía. 

Te puede interesar