Opinión

O belén de Ourense

Saben todos vostedes que a palabra belén é polisémica. Pode facer referencia a unha muller con ese nome -coñezo a varias-, á cidade de Palestina onde naceu o neno Cristo, á representación con figuras da pasaxe bíblica dese nacemento, ou pode ser sinónimo de caos, liada, enfrontamento. “Armouse un belén de moito coidado”. Esta última forma non estaría relacionado coa dificultade da topar as figuras dun ano para outro, de localizar e apañar musgo ou a luz que non funciona e interrompe a liña, de montar a estrutura, incluída a auga que move o muíño, etc., senón dos disputas que tiñan -e aínda teñen- ás distintas confesións cristiáns pola xestión dos Santos Lugares. Son tan antigas as diverxencias entre os cregos destas ramas cristiás na Igrexa do Santo Sepulcro en Xerusalem que a chave para abrila todas as mañás está, seica, desde os tempos de Saladino en mans dunha familia musulmá, os Al Husseini. E como algo semellante pasou de antigo pola preeminencia na Igrexa da Natividade en Belén entre a Igrexa ortodoxa grega, a apostólica armenia e a católica, con dereitos menores para os ortodoxos sirios e coptos, impúxose a expresión de “armouse un belén” desde época otomana. E de denominar as liortas entre irmás cristiáns naquela fermosa basílica, pasou a uso xeral. Algo así como tamén se popularizara o de “discusión bizantina”.

Así pois, o belén de Ourense, como enunciado, pode ser tamén polisémico. Podería facer referencia tanto a desacougos de goberno locais, como a beléns ou nacementos. Incluso a expresión “Belén de Baltar” podería ser polisémica: a difícil xestión da alianza política cos seus fustigadores de outrora, e o que máis nos interesa agora, o do belén do escultor Arturo Baltar.

En 1967 a Asociación de Belenistas encargáralle a realización dun belén ao Arturo. Primeiro foron só as figuras básicas (María, Xosé, o Neno, os Reis Magos, o Anxo anunciador, os pastores, o burro e a vaca) e logo foille engadindo escenas ano a ano. A primeira instalación foi nos soportais do Concello. No 1969 visitou o interior do Museo Arqueolóxico e ao ano seguinte e por toda a década dos setenta -montado e desmontado cada ano- pousou no interior da Catedral, aos pés do Pórtico do Paraíso. Desde 1980 está na Capela de San Cosme e San Damián, completada coa colaboración escenográfica de Xaime Quessada e Virxilio. A min, chistábame máis na Catedral, pois permitía a circulación todo ao redor. En calquera caso, se hai algo claro, é que o Belén de Ourense é ese. E como tal, en 1991 o concello de Manuel Veiga Pombo, editou un fermoso libro “Belén de Baltar. Belén de Ourense” no que o dilixente e eficaz traballo de Xosé Lois López de Prado Arias reuniu unha serie de textos ou poemas populares ou de diversos autores sobre Arturo, sobre o Nadal, ou sobre a esprititualidade do tempo. Aí están textos de Valente, Risco, Pedrayo, López Cid, Alvarado, Celso Emilio, Antón Tovar, Manuel María, Luz Pozo Garza, Ernesto Guerra da Cal, Fermín Bouza Brei, Uxío Novoneyra, Matilde Lloria, etc. A fotografía de José Félix Romero, acompañada por uns fermosísimos pés de fotos evocadores da historia escritos polo propio Arturo xunto co coidado traballo editorial de Planos, completan unha obra fermosa de referencia. Este é o noso belén. O que debemos potenciar. E punto.

Te puede interesar