Opinión

O caniño de Santiago

Non é unha errata nin un lapsus clavis por ter pulsado a tecla errada. O título está ben. O caso é que estamos no verán e, ás veces, dou paseos por aí. Un dos primeiros foi polo Camiño de Santiago saíndo de Ourense e de cara ás terras dos Chaos de Amoeiro. E ao pouco de pasar Cudeiro empezaron a ladrar tanto e tan feramente os cans que, á vista da cantidade de peregrinos que pasaban ao meu lado ocorréuseme que se podería chamar “o caniño de Santiago”. Outros días, por outros “caniños”, igual. Os cans están dentro das súas propiedades, nas fincas, pero unhas formas tan agresivas no sonoro e no actitudinal -dentamias arregañadas, babexantes de ira, roucos dos ladridos, abalanzandose sobre cancelas e valados- non pode menos que pasar por preocupante e ameazadora para os camiñantes.

Neses momentos, eu, cidadán inerme fronte a agresión acústica e tamén sobre a hipotética saída das feras das súas propiedades, penso, solidario, nas queixas dos agricultores contra os animalistas urbanitas de salón. Efectivamente, a súa proliferación descontrolada é un tema estrutural que ten que var co abandono do campo galego, pero a autorización de batidas constantes, en calquera época, que tivese como obxectivo reducir a poboación deles de forma drástica, contaría con indubidable ruído mediático animalista que acovarda os políticos á hora de tomar decisións desta natureza. 

Xabaríns e cans, obviamente, son temas e casos distintos, unidos só pola actual hiperconsideración cos animais, por demais deshumanizadora, pois, ao consideralos iguais ás persoas, desmerecen estas. Incluso na distorsión actual da linguaxe, chega a falarse dos “dereitos dos animais”. Vamos ver. As acepcións 9 a 17 do dicionario da RAE falan sempre do que é o “dereito”. Di a número 9: “Facultad del ser humano para hacer legítimamente lo que conduce a los fines de su vida”; e a dez: “Facultad de hacer o exigir todo aquello que la ley o la autoridad establece en nuestro favor, o que el dueño de una cosa nos permite en ella”; e a once: “Facultades y obligaciones que derivan del estado de una persona o sus relaciones con respecto a otras”; e a doce: “justicia, razón”; e a trece: “Conjunto de principios y normas expresivos de una idea de justicia y orden, que regulan las relaciones humanas en toda sociedad y cuya observancia puede ser impuesta de manera coactiva”... etc, etc. 

Como se ve, os únicos suxeitos de dereito, son os seres humanos. Unha planta non ten dereitos. Un animal, non ten dereitos. Quere dicirse que nós temos dereito a cortar ou queimar todas as árbores que queiramos, ou torturar e matar os animais que nos pete? Por suposto que non. Só os máis obtusos pensan que a invocación errada de sacrosantas palabras como “dereito” melloran o seu compromiso coa realidade. Nós, por suposto, temos deberes coas outras persoas, cos bens alleos, coa natureza, cos animais, plantas, pero tamén augas, mares, o propio aire... Dentro da acepción trece, dentro dese “conxunto de principios e normas... que regulan as relacións humanas en toda sociedade...” entra a obriga natural de tratar racional que non humanamente, aos animais. E de forma distinta segundo natureza, historia e tradición. Un percebe e un can, por exemplo.

En fin, vostede e eu, querido lector, temos dereito a pasear polos camiños públicos en calma. E o donos dos cans teñen a obriga de que os seus animais non nos molesten. Simplemente.

Te puede interesar