Opinión

O demo dos números

Cando Hans Magnus Enzensberger publicou en 1997 un libro para nenos e mozos sobre o misterio das matemáticas titulado entre nós e para entendernos “O diabro dos números”, non creo que imaxinase o éxito que ía acadar. Porque efectivamente, os números exercen unha sedución e unha influencia en nós inmensa. Así como as letras parécennos transparentes, os números, puras construcións intelectuais, son misteriosos. Se escribo “casa”, “barco” ou “can” todos imaxinamos unha forma. Pero se digo “catorce” e xa non digo “cento tres mil catrocentos doce millóns” non sabemos pórlle cara. Son tan misteriosos que na cabalística xudía dise que uns rabinos moi sabios, combinando letras e números lograron, en Praga, darlle vida a un ser, o “golem”, unha especie de trasno brutamontes daquela mitoloxía.

Si. Os números sedúcennos e asústannos e, na actualidade, son unha das principais armas de influencia masiva; de desacougo, de esmagamento psico e sociolóxico. Cando na publicidade din “o 90 % das persoas prefiren X” estanlle indicando que se integre no grupo, so pena de quedar marxinado da sociedade. E cando se fala de cifras grandes, moitas veces oímos disparates, porque escapan do uso normal das xentes comúns. A locutora á que lle oín que a débeda exterior de Hungría era de 50.000 millóns de dólares por habitante, nunca diría, aínda que o tivese escrito no guión, que un cartón de leite vale 790 euros. E hai utilizacións de cifras que, sen mentir, só queren provocar desacougo. E non creo que sexa o camiño. Un exemplo. A tendencia actual de ofrecer as cifras de violencia de xénero en base á suma “desde que hai cifras” ou sexa, desde 2003. Así, coas últimas mortes de comezos deste ano fálase xa de 1.043 asasinadas; como un maldito contador virtual.

Pois ben, de establecermos o punto de partida en 2003, e aplicármosllo a outras realidades, podemos, sen gañar nada, desacougar aínda máis á sociedade. Vexamos. Desde 2003 ata fins de 2019 suicidáronse en España 45.444 homes e 13.593 mulleres. E mortos na estrada, en accidentes nesas data, houbo 56.364, en máis dun millón e medio de accidentes. Ou sexa, entre mortos por estrada e suicidios houbo máis que todos os habitantes da cidade de Ourense. E saben cantos accidentes de tráfico houbo só en 2018? Pois 102.299, con feridos e mortos. Neles, 8.935 persoas precisaron hospitalización e 1.806 morreron.

Máis cifras para o desacougo. Saben cantos cristiáns foron asasinados pola súa fe en 2019? “Só” 2.983. Un avance. En 2018 foran 4.305. Cerca do 90 por cento en Nixeria, por terroristas islamitas de Boko Haram, da etnia fulani. Decátanse da pouca atención mediática aos atentados contra eses cristiáns de Nixeria, contra os coptos en Exipto ou os católicos en Sri Lanka? E cerca de 5.000 templos cristiáns foron atacados en medio mundo o ano pasado, e nós, sen pestanexar.

E non. Non creo que sexa conveniente ocultar unhas cifras que deben ser ferramentas de análise, pero tampouco facelas centrais do discurso. O importante son só as persoas que se ocultan nelas. Porque das distintas achegas aos mesmos datos podemos deducir, sen mentir, que a botella está medio chea ou medio baleira. E do que se trata é de que facemos para baleirala de todo -reducir ao máximo as cifras negativas- e non para falar sempre só da magnitude dos problemas. Traballemos sen acougo, sen medos, pero sen estériles obsesións numéricas.

Te puede interesar