Opinión

O día grande de Yosi

Hoxe é día grande para Yosi. Antes foron días grandes para Los Suaves todos, coas medallas de ouro da cidade de Ourense (2010), de Galicia (2016) e da Provincia (2017). Pero hoxe é día de Yosi. Manuel Baltar di no prólogo da obra editada pola Deputación “Yosi. Canciones, algún desliz y dos o tres fotografías” que ninguén pode imaxinar aos Stones sen Mike Jagger ou aos Doors sen Morrison. E si, lendas compatibles son músico e grupo, e sabemos que a lenda de Los Suaves é Yosi.

E hoxe ten el motivos para estar feliz. Creo que o noso máis coñecido e apreciado literato -isto é o creador que combina letras e palabras como o pintor cores e liñas- debe estar nunha nube de aprecio como poucas persoas poden gozar na súa vida. O libro dúplice -podíanse considerar dous libros- está articulado maxistralmente pola pericia de Xosé Lois, Che, como deseñador e de Laura Lunardelli como editora, transcritora, revisora de textos, organizadora de materiais e moitas cousas máis, e polo bo, excelente, facer da imprenta ourensá Rodi.

O primeiro dos volumes -íntimo, sobrio, concentrado- integra dentro dunhas clásicas capas negras con letras vermellas -as cores do gato- a lira poética do poeta Yosi en case trescentas páxinas. Os textos van precedido dunha simple e fonda declaración de intencións do propio autor: “Yo dejo por ahí alguna que otra canción y que ellas hablen por mí”. E para que falen elas, en todo o libro só hai dezaseis discretas imaxes en branco e negro que reproducen as carátulas dos discos onde se integran os cento catro poemas -ou cancións- que inclúe. Lembremos que os ingleses ás letras das cancións chámanlle “lyrics” como lóxica homenaxe á orixe común e única da poesía e da música, da lírica e da canción. Se un le, por exemplo “Cómo es posible que el mundo sea esto,/ cómo es posible que nadie te cuente y te diga/ que son los sueños los que soportan la vida,/ que no se puede seguir viviendo sin ellos./ Y se van y se van, y se van./ ¿Qué hacer cuando los sueños se van?...” sabemos que estamos ante un libro de poesía, ante un libro de arte literaria. E será, sen dúbida, un culto libro de culto.

 O segundo volume é, dalgún xeito, unha antítese complementaria. Xa noutro formato, é unha explosión de cores, grafías, imaxes de concertos, reproducións de pósters, entradas, discos, tatuaxes, pintadas, fans, fotos de viaxes de Yosi, familiares -entrañable a inicial da dedicatoria, co seu fillo Daniel de bebé no colo e con guitarra-. É desde logo, un marabilloso libro obxecto, para deleitarse coa súa contemplación. Leva unha sobrecapa gatuna de estética grafiteira que protexe un retrato actual de Yosi feito por Alexandro. Como complemento ao libro anterior, inclúe as traducións e versións que fixo de cancións doutros autores como Chuck Berry, Phillip Parris Lynott ou Rosendo Mercado, por exemplo. Inclúe, ademais, unha vintena de textos feitos polos amigos, moitos do mundo e da crítica do rock hispano (Fortu Sánchez, Juancar Boikot, Chizzo, El Drogas, Gay Mercader, Carlos Escobedo, Kutxi Romero, Mariscal Romero, Sherpabarón, Rulo) e doutras xentes próximas ao mundo do espectáculo como Jaime Noguerol, ou a poeta Rochi Novoa e o Mago Teto. Tamén doutras persoas de fóra deste mundo, como o xornalista Rodrigo Cota,  o senador Luis García Mañá, o escritor Bieito Iglesias ou eu mesmo. Á parte das colaboracións plásticas de Alexandre, do Carrabouxo, de Alba Fernández, de José Manuel Fernández e de Javier Merino. Pero nada sería posible sen que as fotos de, en primeiro lugar, Manuel Cabaleiro, Alberto Paz e doutros amigos que axudan a completar o arquivo de Yosi e Laura. 
En fin, unha gran obra, cun par de libros Un día grande para Yosi, para a poesía e para o rock and roll. Un día grande para Ourense. 

Te puede interesar