Opinión

O disparate Barbañica

Onda o Polvorín únense dúas vías de auga: unha vén das terras de Seixalbo; a outra, das da Valenzá. Nos “Documentos de la Catedral de Orense” de don Emilio Duro Peña, localízase o nome da primeira xa no 1200 como Barbaña; e a segundo, dezasete anos despois, aparece como “río de Pontón”. O Barbaña, como sabemos, “é máis río” dentro da súa modestia, e leva un nome prerromano onde se pode rastrexar, seguramente, un compoñente “barb” -relacionado coa auga- como en Barbantiño, Barbadás, Barbantes, Barbanza... e tamén con “barbañar” que en galego é un dos moitos verbos para significar que chove miudiño. Sabemos tamén que os ríos pequeneiros teñen denominacións moito máis inestables e moitas veces nin propio nome máis alá de “regueiro” ou “regato” e cambiante segundo as aldeas por onde pasan ao asociarse a algo particular do lugar. Nun sitio por ser “dos muíños”; noutro, dos “liñares”; noutro, “das poldras”; noutro, “dos ponxos”, no caso, este último, de haber moita menta, poexo ou ponxo, por forma dialectal. Curiosamente, nun mapa do século XVII ou XVIII do couto da Catedral de Ourense que reproduce, entre outros, Risco na súa “Xeografía”, ten unha anotación que di: “Río de Molinos que riega estos linares” e debaixo pon “Linares de Pontón”. Sitúanse estes topónimos -os lugares hoxe de Os Muíños e Pontón- xusto ao pé de Barbadás. Tres denominacións tradicionais. Sigamos.

Así pois, o Barbaña ten nome principal e estable, e o outro, non. Na “Guía de Galicia” (1928) Otero di: “Orillas de la Sila, campo del Polvorín, donde se juntan las dos ramas del Barbaña, el propio Barbaña que viene por Seixalbo de la Rabeda pratense y Mesón de Calvo, y el río dos Muíños de las tierras de Barbadás y Sobrado del Obispo…”. E insiste, por exemplo, nun fermoso artigo -”Desde el arco Mayor”, La Región de 18 de marzo de 1962-, onde di: “Más calmas las dos ramas del Barbaña –la de la Rabeda y la de Barbadás- llevan las finas y táctiles raíces de sus fuentes hasta la Piuca, hasta La Merca, y alternan lección de casi llanos y cuestas para unirse, calmos, en el viejo campo del Polvorín”. 

Volvamos ó Barbaña. Ferrín fala del sempre como feminino. Podería ser, pero non o creo. Si. Hai ríos, poucos, femininos na península. O tema xa deu para unha polémica entre sabios (Menéndez Pidal, Dámaso Alonso…) en 1961 nas páxinas de ABC. Pero eu máis me inclino porque o nome de Barbaña, río, sexa masculino, e o das terras que rega, feminino. Idéntico caso, por exemplo, que o Arnoia río, fronte á Arnoia comarca; ou o Ulla río, fronte á Ulla, comarca.

En fin, quen inventou logo o de Barbañica? Calquera iluminado. Ó “Barbaña pequeño” pois, mañamente, “Barbañica”. A referencia máis vella que topei -a verdade é que non furguei nada- foi cando a construción das vivendas sociais do Polvorín, en 1956. En fin, tiña que mirar máis, pero non me presta perder o tempo con cousas a desaparecer. Chamémoslle nos papeis, por exemplo, “Río dos Muiños” que é o máis xeral, e o que usan Risco e Otero; ou de Barbadás. Aínda que eu das poucas veces que oín falar del na casa, ó meu avó Antonio, chamáballe “o regato dos Ponxos”. Admitiría, si, o de Barbañica se ao Sil lle chamamos “Miñico”. E vai ser que non. Que teñan un bo día.

Te puede interesar