Opinión

O FACSÍMILE DE NÓS

Hoxe a maioría das persoas que consultan a revista Nós fano a través da súa edición electrónica facsimilar na páxina de Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, dependente da Biblioteca de Galicia. Deica pouco, van ter vostedes unha copia aínda mellor, tratada con OCR o que permitirá buscas textuais, á parte de diversos modos de acceder á información. Será cousa de moitísimo mérito poder facer pesquisas guiadas. Ata hai un par de anos que se abriu esa vía, había ou ben que recorrer a orixinais ou á facsímile en papel. E os orixinais son raros. E que eu coñeza, só existe unha colección enteira, hoxe na Biblioteca da Deputación de Ourense, outrora en mans do colaborador Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben Cho Shey. Hai varias, como as do Museo Arqueolóxico de Ourense ou do Museo do Pobo Galego, ou de Penzol, ás que lle falta só o número derradeiro, o que non se chegou a distribuír. Como a tiraxe era pequena -fálase duns 300 exemplares- non hai demasiadas coleccións; incompletas coñezo catro máis en Ourense. Aínda así, pasa como cos cadros famosos: todo o mundo conserva o que chegou ás súas mans. 

Postos neste tema, contareilles o que sei de como se fixo a primeira edición facsímile. Alá por finais dos setenta había unha editorial moi activa en Madrid, AKAL, ligada aos intelectuais do Partido Comunista. Tiña un par de coleccións -Arealonga e Arealonguiña- dirixidas por Xesús Alonso Montero nas que se centraban na temática galega e na recuperación de textos. Así, por exemplo, publicaron o “Sempre en Galiza” de Castelao, en 1976 -aínda que con pequenísima intervención da censura-, ou a “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo en tres tomos, 1979. 

O caso é que á altura dese ano, Bieito Ledo, director xerente de Galaxia entre 1979 e 1985, convenceu a Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego que debería ser esta editorial a que publicase o facsímile de Nós polos lazos intelectuais e humanos que gardaba esa editorial con aquela revista e grupo xeracional. Meu dito, meu feito. Tiñan na Fundación Penzol todos os números para dixitalizar agás o derradeiro, 139-144. Sabíase que Ben Cho Shey tiña en Madrid o que eles crían único exemplar dese número. Así que Bieito Ledo foi á capital, conseguiu o préstamo do libro e adquiriu o compromiso de colaborar con Ben Cho Shey en darlle unha saída -vender- a súa biblioteca e arquivo a unha institución galega, porque o vello mestre ourensán andaba necesitado. 

E así, entre finais de 1979 e principios de 1980 fíxose a edición dos 144 números agrupados en seis volumes que se venderon ao prezo de 3.000 pesetas (19 euros) volume. Incluso levan incorporado o número homenaxe -145- que elaborou a Real Academia Galega, con motivo do cincuentenario da revista, moi interesante, tanto polas lembranzas achegadas polos protagonistas aínda vivos daquela, como polo tres índices elaborados por Ben Cho Shey: número, autor, temática. A operación de compra da biblioteca e arquivo por parte da Deputación de Ourense tamén tivo bo e rápido final, grazas á sensibilidade do presidente Victorino Núñez.

Ou sexa que se no lanzamento en 1920 andaban as xentes de Ourense, detrás deste facsímile resucitador de 1979, tamén: o Bieito Ledo, é de Padroso, en Xunqueira de Ambía, en terras aurienses, en terras de nós.

Te puede interesar