Opinión

O tema do artigo

Cando un ten certa práctica na escrita de artigos xornalísticos libres, como é o meu caso, pois lévolles nestas páxinas dúas veces á semana, sen faltar ningunha, desde hai case quince anos, encóntrase habitualmente ante a cuestión da escolla de tema. De que escribo hoxe? No caso dos comentaristas deportivos, políticos ou de sociedade, a cousa non lle ten problema ningún, pois teñen o carreiro marcado, e van por cadansúa vía, ancha ou estreita, pero clariña e sen posibilidade de confusión. Pero os colaboradores de prensa libres, ou que se teñen por libres opinadores, como este seu seguro servidor, deben escoller tema. A lóxica é pasear pola cidade, falar cuns e con outros, ler os xornais, e formar e emitir unha opinión, pois xa o cabezallo xeral da páxina na que se insiren este tipo de colaboracións, pon, claramente, “Opinión”. Claro que o tema se complica cando na comunidade só se fala dunha cousa, ou de dúas. Hoxe, por exemplo, en Ourense, e seguindo a normal xeral mundial, só se fala da “enfermidade reinante”, e seguindo a actualidade local, do “Jácome”. Dúas cuestións importantes, por suposto, pero soberanamente aburridas, porque fóra matices e datiños, as cousas xa están abondo claras e todos temos opinións máis ou menos formadas e máis ou menos fundadas.

Ben, de renunciar aos temas dominantes que resultan de tan manidos, aborrecidos, e coa intención de darlle algo distinto ao hipotético lector -de habelo- para que distraia a súa habitual lectura con algo distinto, seguimos coa cuestión da escolla. Unha alternativa, como antigamente nos ascensores, cando ían varias persoas desenmascaradas e falaban entre elas, sería falar do tempo. Que se vén bo tempo para a vendima, que se o verán, en xeral foi bo para as praias ou campo, etc. Pero non me negarán que o tema do tempo, pois tamén é un topicazo sen interese. Falarlles de lecturas é sempre unha opción, pois trátase dun mundo alternativo. O creador, o escritor é un pequeno deus que constrúe unha historia, cun argumento, uns personaxes, unhas situacións, e así, igual que falamos cos amigos dunha viaxe a, digamos, Venecia, podemos falar daquel percorrido por un mundo imaxinario, daqueles encontros con aquelas persoas ou daquelas galernas na que nos vimos inmersos nas follas dunha novela. Sempre lembro o dito por Alfredo Conde de que lle gustaría ser enterrado cando chegase á parca na súa busca, dentro de moitísimos anos, agardo, facendo un corte de mangas, pois coas novelas escritas, cos mundos creados, teríalle gañado a partida á morte, pois tería vivido as varias vidas dos seus personaxes e entrementres haxa lectores, as súas obras seguirían vivas despois del. 

Podíamos falar, logo, da transcendencia do ser humano... pero iso sería pórse excesivamente transcendentes, nestes tempos. O recurso fácil é contarlles cousas nas que un anda, pero iso é exporse en exceso; a intimidade é un valor a defender neste tempo de exhibicionismo mediático desmedido. Sexan dos “famosos” nos programas que ven os maiores da TV, sexan nas redes furadas que usan moitas persoas novas falando de si mesmas, no ciberespazo, chámese facebook, tweeter, instagram, tik tok. 
Chegados a este punto, non sei se sería mellor o silencio. Calar. Deixar de cansalos con estes artigos e calar ata que pasen as correntes apestadas, sanitarias ou políticas, e podamos, libremente, volver ao palique distendido e natural. Non sei. O caso é que buscando tema, acabóuseme o espazo. Que teñan un bo día. 

Te puede interesar