Opinión

O vendedor de avións

Non se trata de falarlles dun executivo comercial que traballe na competencia entre Boing e Airbus no concerto mundial. Nin sequera deses vendedores do Comac C-919, chinés, que, deica pouco, revolucionarán, se cadra, o mercado mundial das aeronaves, coa súa capacidade para 174 pasaxeiros e un custo de só 63’5 millóns de euros. Voulles falar de Raul Álvarez, arxentino de Mar del Plata, sen conexión directa co inventor colaboracionista francés na II Guerra Mundial e que logo, exiliado en Arxentina, fabricou en 1946-7, o primeiro caza a reacción de hispanoamérica e un dos primeiros do mundo. Fálolles de Raul Álvarez vendedor de avións en Praia América que non poden competir, desde logo cos citados, porque os que el vende son de porexpán e valen a dous euros, pero son avións, ao fin e ao cabo. E seguramente non se pode esparexer máis felicidade entre os nenos que o que leva feito Raul ao longo dos últimos sete anos nesta baía de Baiona-Panxón que me acabo de enterar, grazas a un roteiro co Centro de Estudos Miñoráns, que se chama “Pego de Baiona ou de Panxón” vindo “pego”, seica dunha forma grecolatina “pelegus”, ou sexa o “mar de Baiona ou de Panxón”, segundo se mire.

Porque Raul, conta, comezou hai moitos anos, tantos como foi a guerra das Malvinas, a vender avións por el deseñados, de dúas pezas de porexpán enlazadas, cun modesto fío que os eleva como cometas estáticas, nas praias de Mar del Plata. E alí, despois daquela infausta guerra de xenerais borrachos procurando desviar atencións da realidade cotiá, remodelou o deseño dos seus avións, para que parecesen menos militares, e fíxoos con formas máis redondeadas para imitasen metade avións, metade paxaros, e pintounos de cores. Vinte e cinco mil chegou a vender nos seus mellores veráns; uns, directamente; outros a través de doutros vendedores. E como moitos outros rapaces arxentinos, descendente de galegos, quixo un día coñecer a madre patria, a terra dun bisavó que nunca coñeceu. E veu. E empezou traballando na construción en Lleida e aproveitaba as fins de semana para baixar ás praias catalás a vender avións e lembrar os fructíferos paseos polas praias do Atlántico sur. Desde logo, un hobbie precioso. Despois baixou ata Fuengirola -onde segue indo nas Semanas Santas- pero cativouno o clima do, agora falarei con propiedade, Pego de Baiona. Ou sexa, as praias de Praia Ladeira, Praia Lourido -ou América, pola nova-, Panxón, A Madorra, Patos, por só nomear as grandes. E seica vende ao cabo do día unhas cen aeronaves que debuxan cada un, polo menos dous sorrisos. Un a dos pais cando se achegan e lles contesta que custan dous euros, e outro no dos rapaces, que o sosteñen coa ollada fixa uns minutos. Dime que se se pon, podería facer mil avións no día, pero non fai tantos. Creo que Raul é unha das persoas que máis se alegra cando sopra a brisa na praia. Se non hai, non voan. Ou sexa, non vende. Non hai gañancia nin sorriso dos nenos, que, creo, lle importa tanto ou máis. En fin, que sopre pois. Bo verán, Raul, o dos avións de Praia América. Ata o ano que vén. E que voen moitos máis, para seguir esparexendo felicidade.

Te puede interesar