Opinión

A obriga da incorrección

Creo que dalgún xeito as persoas deben manexar certo e variable nivel de incorrección sobre o seu comportamento agardable. Iso é unhas das cousas que fai que o mundo avance. Se todos nos acomodásemos sempre ás tendencias dominantes, non habería evolución. Un tipo hai milenios decidiu pulir a pedra en vez de tallala. “Chalado -deberon pensar-, co fácil que é darlle uns golpiños, rachar un coio e ter un gume cortante, como para andar raspándoa a pedra contra outra pedra ata facerllo”. E na Transición, gañouse o divorcio sen unanimidades porque houbo quen era incorrecto politicamente e non estaba de acordo coa maioría. En Ourense temos un exemplo clariño en Allariz. Empuxouse por fóra dos marcos e acabou ampliándose o espazo de benestar. Si. Ás veces hai que ser incorrecto. E hoxe, con tanta corrección política, é preciso recuperar certa ousadía e rir publicamente dos disparates. Para que ninguén pense que o silencio dos máis é razón dos menos. Que despois chegan as eleccións e pasa o que pasa.

En fin, o outro día non fun ao acto anual da Insua dos Poetas que organiza o Luís González Tosar, pero chegáronme ecos. Sen entrar en fonduras comentáronme do ben que quedara o auditorio en pedra, da educada proximidade entre políticos antagónicos, galardoados ou patrocinadores, de longos discursos e doutras cousas. Pero moitas delas pasaban a segundo plano ante a anécdota amplificada. O que máis sorprendeu a quen mo contou é que algún dos oradores para se dirixir ao público usara “todas, todos e todes”. A min, a verdade, non me sorprende porque o falar non ten cancelas e cada un é libre de deitar pola boca ideas limpas ou fume estentóreo. Chámanlle liberdade. O que me sorprendeu -e preocupou- é que o público non escachase a rir. E ollo, que a lingua evoluciona. Antes só diciamos inicialmente, “señoras e señores” ou “miña donas, meus señores” e para o resto usabamos xenéricos inclusivos. Ou sexa que se eu dicía: “Os de Ourense pasan unha calor do verán de moito nabizo”, non debía aclarar que temén elas o pasaban pois confiábase no coñecemento inercial da lingua do oínte e na súa capacidade de comprensión baseada en séculos de comunicación. Agora xa non resulta estraño, a pesar de ser lingüisticamente errado pois vai contra a economía da linguaxe, escoitar: “Os meus alumnos e as miñas alumnas son boa xente”... Pois sabemos e admitimos que este uso ten por obxecto explicitar a presenza da muller en contextos comunicativos dos que alguén retorto puidese chegar a interpretar como elas, ausentes. 

Ora ben, unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa. A reduplicación non deixa de ser unha opción innecesaria e lingüísticamente redundante, pero nada ten que ver coa invención do “todes” para incluír, seica, aos que non se senten homes nin mulleres. E non. Non se pode deixar pasar. Porque que unha pavada poda ser mínimante argumentable, non quere dicir que deba ser asumible polo conxunto nin que teña razón. Prometo que se algunha vez escoito o de “todes” hei botar unha estentórea gargallada que escoitarán ben lonxe. En fin, de aplicación o dito do demo, o rabo, a moscas e o non ter que facer. Apertas. 

Te puede interesar