Opinión

Oficio curioso

Agora que remataron as vacacións e o tempo de lecer do Nadal e de Reis, algúns traerán que contar de viaxes por terras alleas máis ou menos estrañas. Como non me movín da Terra -que como saben en maiúscula viña sendo tradicionalmente Galicia e non o planeta, en frases como “non casou cunha da Terra senón de fóra”, por exemplo-... digo que como non me movín de por aquí, dediqueime a ese viaxar no tempo e no espazo coa memoria que é o lembrar. 

E voulles contar dun rapaz que coñecín hai uns anos e co que compartín a intimidade pasaxeira de asentos contiguos durante as doce horas dun voo transatlántico. O mozo era alto, guapo, vestido á moderna, media melena, e agradable de trato. Pinta de surfeiro elegante. Falamos nese nivel de intranscendencia cómplice que intenta que as horas pasen máis rápidas, sen chegar a moito máis. E contámonos algunhas cousas porque ambos estabamos alí metidos naquel avión por traballo e iamos sós e pegadiños. Eu non lembro se ía en viaxe de docente ou en algo de recuperación de documentación sonora, en calquera caso, ao que me dedicaba era fácil de explicar. El acenou entendendo o que lle dicía cunha cara de moderada envexa e contoume cun sorriso que se me antollou un pouco acedo que viña da Illa de Pascua e que agora debía parar en Madrid un día e despois seguir a Malé, a capital das Maldivas, en pleno océano Índico. 

El, indeciso, explicoume o seu traballo. Dixo que moitos crían que tiña un traballo envexable, e que os seus amigos así llo dicían continuamente. Pero a verdade é que el estaba canso, levaba tres anos no choio, de aquí para alá, e estaba farto. O seu ideal de vacacións era parar uns días en Madrid -tiña morriña- saudar á familia -era solteiro e sen parella-, andar cos amigos pola praza de Santa Ana ou Malasaña e botar unhas risas distendidas. “E logo en que traballas?”, atrevinme a preguntarlle. “Pois son -e isto o dixo como cun aquel de certa vergoña- probador de destinos de turísticos de luxo”. E díxome que traballaba para unha maiorista das fortes de España e que cando algún novo destino se abría ou algún resort se estreaba de alto nivel en calquera parte do mundo, pois o habitual é que se puxesen en contacto coa maiorista e convidasen a ir ao un probador unha semana ou así, para que el fixese as valoracións e informes pertinentes por se fose do seu interese incluír esa novidade nos seus catálogos e folletos. E tal que esa era a súa forma de gañar a vida: viaxar, relaxarse, estumballarse ao sol, probas as bebidas e comidas mellores de cada sitio, facer percorridos turísticos con guía, etc. Probar os paquetes de máximo nivel. 

Contaba el, discreto, que o trataban con tanta amabilidade e coidados que estaba aborrecido. “Si, moitos cren que o meu é o mellor traballo que se pode soñar, pero eu quero deixar de andar choutando de avión en avión, de aeroporto en aeroporto, de mojito en caipirinha, de atolón en illa, e as mozas, as mozas... en fin, quero tomar unhas cañas e uns calamares fritos nunha terraza cuns amigos e que me deixen todos en paz”. 

Pegou un bote o avión e o rapaz asustouse. “Non me gustaba voar”. “A min tampouco -díxenlle-. Dáseme mellor andar que voar; debe ser cousa de ter pés e non alas”. Sorriu. De todas maneiras, e a pesar da súa mirada lánguida e saudosa, pareceume que debería haber traballos ben peores có do rapaz. Polo menos unha temporadiña, eu, apuntar, apuntábame. Por probar.

Te puede interesar