Opinión

Okupas e okupantes

Nin que dicir ten que o tema dos okupas me parece escandaloso. Que se che metan nunha casa túa da praia ou do campo uns indocumentados ou documentados, nacionais ou estranxeiros, e que unha lei excesivamente garantista os defenda máis a eles ca ós lexítimos propietarios, é tanto disparate como se che pegan un tirón do bolso e din que o fixeron porque é inxusto que ti teñas un bolso de Gucci, cunha carteira -gorda- de Luis Vuiton, pluma Montblanc, mecheiro Dupont e tabaco LM, e eles non. Hai regras para vivir en sociedade. En fin, todo ten moitas voltas, si, pero que o mar ten máis auga ca peixes é obvio e todo o obvio é perda de tempo discutilo. A pasividade contra os okupas é tamén unha evidencia. Outra cousa é a ocupación de propiedades abandonadas -milleiros de casas nas aldeas de Galicia-- onde baixar o lombo e poñerse a traballar. Baratas ou case regaladas, seguro que llas deixan. O medio rural galego é, normalmente, acolledor co traballador e refractario ao nugallán. Anda ben buscada a man de obra no campo. Os concellos teñen activas políticas de atracción de familias e persoas. Traballadoras, claro. Non a zugar do enxoito teto municipal. En fin, que a miña máxima simpatía para os que queiran baixar o lombo e enfrontarse á vida en vez de chorar pola maná do estado ou a ocultación no colectivo. Inda máis, tampouco me gusta a ortografía esa de “okupas” nin ese aire de clase desclasada, fronte aos parias auténticos das chabolas da Cañada Real, por poñer un exemplo. 

En fin. Voulles contar unha historia de okupas e “ocupantes” ben curiosa. Contouma unha amiga miña, axente xudicial en Madrid e ela, seguro, non mente. Dicía que non era a primeira vez nin a segunda nin a terceira que se producía o seguinte escenario. Unha vella vive soa nunha vivenda do Madrid centro, sen familia directa, que se saiba. Morre. Aos poucos días, sáltanlle a pechadura e entran uns okupas impresentables. Broncas constantes. Medo nunha veciñanza fastidiada e inerme. E saben o que pasou tamén xa máis dunha vez? Pois o máis humilde dos veciños, o porteiro da casa -falamos de casas do vello Madrid, onde aínda existe e vive esa especie- reúne á comunidade e ofrécelles unha “ocupación” de confianza. O razoamento que lles fan é máis ou menos o seguinte: “Señores, morreu a nosa pobre veciña do 4º. Deus a teña na gloria. Como saben non ten parentes próximos. Entre que se soluciona o tema legal, xa saben, busca herdeiros, declaración de ab intestato, resolución, etc. poden pasar un par de anos ou máis. Tranquilamente. Durante este tempo, ninguén vai pagar a comunidade e corren o risco de que a ocupen uns okupas drogaditos e lles desfagan a calma na que vive a casa. Propónlles non un okupa, senón unha ocupante. Que veña vivir alí miña filla -vai casar e está empezando- coa garantía de que vai seguir pagando a comunidade -así non hai que incrementar cuotas-, e que marchará en canto llo diga a comunidade, ou en canto se solucione o problema de onde vai parar a casa. Por suposto, respondo do seu comportamento como veciña exemplar”. 

Nin que dicir ten que a opción é aceptada con alivio polas outras vellas e vellos propietarios do edificio que só lle ven vantaxes. Todo entre xente de confianza. 

Estamos antes unha okupa? É máis ben unha ocupante contralume. Saben que así é como se combate un incendio, cando non chegan os medios adecuados. É unha medida irregular que conleva os seus riscos, claro, sempre se pode descontrolar, pero a maior parte das veces, ben feito, funciona e gáñaselle a partida ao lume. Só hai que saber. Como o porteiro, claro.

Te puede interesar