Opinión

Otero, cronista oficial de Ourense

Onte día 29 cumpríronse cincuenta anos dunha memorable sesión plenaria do Concello de Ourense, onde, durante a alcaldía de David Ferrer, foi nomeado Cronista Oficial de Ourense don Ramón Otero Pedrayo.

A historia dos cronistas é sinxela. Cando no XIX se constrúe o estado moderno, os concellos e provincias precisaban enxalzar a historia local para afianzar as identidades. Para iso botouse man de prestixiosos arquiveiros, anticuarios, cóengos, etc. que furgaban na historia máis próxima para encaixala na grande historia do país e déuselles un título honorífico e vitalicio de sabor antigo e difusa función asesora. Así, acompañaban visitas ilustres pola cidade ou asesoraban ao concello en temas de historia, porque, efectivamente, os políticos á parte de boa vista, deben ter bo oído; non poden ser especialistas en todo. Despois, avanzando o XX, cunha sociedade máis culta e con máis oferta cultural (universidades, museos, etc.) a figura esmoreceu ata a súa práctica desaparición. 

En Ourense houbo nove cronistas. O primeiro nomeado o 17 de xaneiro de 1893 foi Arturo Vázquez Núñez, logo seguírono Juan Neira Cancela (1907-9), Eugenio Marquina (1909-1915), Benito Fernández Alonso (1915-22), Emilio Vázquez Pardo (1922-31) e Vicente Risco (1931). E aqui faise un punto e á parte. No primeiro pleno republicano, en maio de 1931, a proposta de Eleuterio González Salgado foi nomeado Vicente Risco. E non se sabe máis do tema. Nunca el falou do asunto. Nin sequera no expediente de honra aberto logo da súa morte, no 1963, ninguén se lembrou do seu título de “cronista”. Os tempos da República foron avoltos, desde logo. 

O caso é que en 1968, David Ferrer -exalumno de Otero- e Rego Nieto “forzan” a Otero –“no fue fácil convencer”... “pero terminó accediendo” dise no expediente- para que acepte o papel de Cronista Oficial da Cidade. A laudatio no pleno a cargo de Rego é sumamente pobre: sen referencias a cronistas anteriores, sen citar a revista e Xeración Nós, nin ningunha obra en galego do autor, só dúas novelas en castelán (“La vocación de Adrián Silva” e “Adolescencia”) e dous pequenos estudos sobre Marcelo Macías e o Padre Bedoya, e “más de cien articulos” -en realidade máis do triple- publicados en La Región, baixo o título xenérico de “El Orense antiguo”, e que, por certo, axiña comezarán a ser publicados en forma de libro.

Otero, pouco sistemático, empezou en 1968 a manuscribir un libro no que ía anotando, en galego, claro, aconteceres da vida na cidade. O título é “Crónica do vivir xornaleiro” e inclúe textos ata xuño de 1970. Conta, por exemplo, do polémico traslado da estatua de Concepción Arenal da Alameda, a inauguración da Torre e do Pavillón de Deportes, congresos de emigración, e, sobre todo, anotacións sobre personaxes amigos que ían desaparecendo. É unha curiosa obra dentro da produción oteriana que tamén verá a luz en breve.

En outubro de 1979, tres anos e medio despois da súa morte, o Concello nomeará cronista a Alfredo Cid Rumbao quen ocupará a dignidade, moi diminuído pola enfermidade nos últimos anos, ata o seu pasamento en 2000. Dous anos despois Anselmo López Morais collerá o relevo ata a súa morte en 2009. E punto.

En fin, estes foron os cronistas oficiais, aínda que houbo outros moitos que o foron de seu, con iguais ou máis méritos que algúns dos que o gozaron da dignidade, como Adrio Menéndez, Florentino Cuevillas, Ferro Couselo, Olga Gallego, Segundo Alvarado, Manuel Blanco Guerra ou Marcos Valcárcel, por exemplo.

Te puede interesar